DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A competición autonómica non se disputaba desde a irrupción da covid-19 en 2020

A EXP-UVigo encadea dúas vitorias no retorno da Liga Galega de Xadrez

Na segunda xornada, derrotou ao Liceo Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Transferencia
DUVI Pontevedra 21/02/2022

Case dous anos despois de que a covid-19 obrigase á suspensión da competición, neste mes de febreiro retomáronse os encontros presenciais da Liga Galega de Xadrez, na que a Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo está representada por sete equipos nas súas diferentes categorías. No caso da División de Honra, o primeiro equipo do club universitario encadea dous triunfos nas dúas primeiras xornadas, que lle permiten situarse no segundo posto do seu grupo. Tras debutar con vitoria a pasada fin de semana, dobregando ao Laroca Nigrán A na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, logrou este sábado un novo triunfo na casa do Liceo Ourense, onde sumou cinco puntos dos seis posibles.

Nesta segunda rolda, o equipo ourensán acusou a baixa do seu Gran Mestre Arián González, substituído no primeiro taboleiro por David Baltar, quen puxo en “serios apuros” ao xadrecista do EXP-UVigo Estratexia pola Paz Alberto Portela, que, como sinalan desde o club, “tivo que dar o mellor de si mesmo para defenderse e rescatar un valioso empate”. As outras táboas da xornada firmounas David García, tras non ser quen de “transformar unha lixeira vantaxe nun final de corte estratéxico”. O enfrontamento completouse con catro vitorias visitantes, as logradas por Juan Manuel Martínez no seu debut no primeiro equipo, Rubén Fernández, Daniel Rivera e o capitán, Pablo García, tras máis de catro horas de xogo.

Manter a categoría no “grupo da morte”, principal obxectivo

Este resultado chega tras a vitoria que a EXP-UVigo acadaba na rolda inaugural fronte ao ascendido Laroca Nigrán A, ao que derrotou 5,5-0,5 grazas ás vitorias de Rubén Fernández, Daniel Rivera, Alberto Portela, Pablo García e Víctor Miguel, ás que se sumaron as táboas de David García. 

Deste xeito, o equipo universitario suma 10,5 puntos, que o sitúan no segundo posto do grupo B, por detrás do Xadrez Ourense, con 11,5,  no arranque dunha liga, como explica García, cun “formato inédito e non exento de polémica”, con 15 equipos na División de Honra, divididos en dous grupos. Tras a suspensión da competición en 2020, a Federación Galega optou por dar por válidos os ascensos e anulou os descensos, o que leva a que haxa un maior número de conxuntos, cos que, explica García, "deseñaron dous grupos cun criterio aparentemente xeográfico, que xa foi modificado e impugnado”. A Escola Xadrez Pontevedra - Universidade de Vigo quedou encadrada no B, o "grupo da morte", no que se atopan catro dos cinco clubs que lograron proclamarase campións galegos e doce dos trece grandes mestres inscritos no torneo, e no que só os catro primeiros teñen garantida a permanencia. “Eludir o descenso directo pasou a ser o primeiro e principal obxectivo do equipo”, sostén García, que destaca que estes “bos resultados permítennos afrontar o resto da competición cunha maior tranquilidade”. O Estratexia pola Paz visitará o 5 de marzo ao Xadrez Verín, “un dos claros aspirantes ao título”, xunto co Chantada e o Xadrez Ourense, que serán os seus seguintes rivais. 

Sete equipos en competición

Xunto co de División de Horna, outros seis equipos representan ao EXP-UVigo nas diferentes categorías da Liga Galega. En Primeira División, compite o Ramón Escudeiro Tilve, que esta fin de semana sumou fronte a Xadrez Marín o seu segundo triunfo. En segunda participa o EXP-Non a violencia de xénero, que debutou este sábado con vitoria, mentres que na terceira son catro representantes, o EXP-Universidade de Vigo, o EXP-Concello de Pontevedra, o EXP-Zona Informática e o EXP-Chess Cares.