DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O equipo universitario sumou sete vitorias nos seus sete enfrontamentos

O EXP-UVigo imponse na Copa Galicia de categoría cadete

O triunfo por equipos súmase ao ouro e prata acadados previamente no torneo individual

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 26/04/2021

Despois de que, a finais de marzo, os deportistas do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Rubén Fernández e Juan Manuel Martínez lograsen o primeiro e o segundo posto, respectivamente, no Campionato Galego sub16, as novas promesas do equipo universitario alzáronse esta fin de semana co triunfo na Copa Galicia. O equipo integrado por Fernández, Martínez, Miguel Alonso, Javier Caudet, Luis Alonso e Carmen Portela logrou proclamarse campión autonómico en categoría cadete nunha, competición na que sumaron sete vitorias nos sete encontros que disputaron.

No torneo celebrado en Padrón, o EXP-UVigo Xadrez: Estratexia pola Paz encabezou o podio que, na categoría cadete, completaron o Escola Luguesa de Xadrez e a Sociedade Liceo Marquiño. Así mesmo, tamén estaba prevista a participación, este domingo, do equipo sénior do club pontevedrés na Copa Galicia de categoría absoluta. Mais un positivo en covid-19 na contorna do grupo obrigou a cancelar a participación dos xadrecistas no que ía ser o seu debut nesta tempada. Segundo informou o club, os deportistas do EXP-UVigo xa realizaron as probas PRC e atópanse á espera dos resultados.

Este triunfo en categoría cadete súmase aos éxitos acadados, a finais de marzo, nos Campionatos Galegos sub16 e sub14, disputados tamén en Padrón. Na que foi a primeira competición presencial organizada pola Federación Galega de Xadrez nesta tempada, Rubén Fernández acadou un novo título de campión galego, o sétimo que logra aos seus 16 anos. Fíxoo sumando sete puntos de oito posibles, tras ceder unicamente dous empates ante os seus compañeiros de equipo Juan Manuel Martínez, que se proclamou subcampión, e Miguel Alonso, que rematou en oitavo lugar.