DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O primeiro equipo do club universitario mediuse no campus ao Benchosey de Pereiro de Aguiar

O EXP-UVigo non pode pasar do empate no seu debut como local

Tras dúas xornadas, ocupa o quinto posto a División de Honra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/03/2023

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte exerceu como sede do primeiro encontro como local do Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola Paz, na segunda xornada de competición na máxima categoría da Liga Galega de Xadrez. Pese a medirse a un equipo moi novo, que vén de ascender á División de Honra, o primeiro equipo do club universitario non puido pasar do empate (3-3) nun enfrontamento que, como recoñecen desde o club pontevedrés, viuse lastrado polo “frouxo comezo de liga dos veteranos” dun equipo que alzouse en cinco ocasións co título autonómico. 

Nese senso, se ben Daniel Rivera lograba sumar un empate, tanto o capitán Pablo García como Víctor Miguel remataron perdendo as súas partidas, de tal xeito que o empate no marcador xeral debeuse ao bo papel desempeñado polos xadrecistas máis novos. Tanto David García como Rubén Fernández, que non deu opcións á vixente campioa galega Inés Prado, lograron a vitoria nos seus respectivos taboleiros, mentres que Albero Portela pechou en táboas o seu enfrontamento con Artai Bringas. 

Tras este resultado, o Xadrez: Estratexia pola Paz continúa no quinto posto da clasificación, con 6,5 puntos, dous menos que o líder, o Círculo Chantadino, o único equipo que suma dúas vitorias nas dúas roldas disputadas. A competición retornará o sábado 18, día no que o primeiro equipo do club universitario visitará ao vixente campión galego, o Xadrez Ourense.

Dúas vitorias na xornada

Alén da máxima categoría, os representantes da EXP-UVigo na liga galega só puideron sumar dúas vitorias nesta segunda rolda de competición, as acadadas en Segunda División, polo EXP-Concello de Pontevedra na casa do Xadrez Albariño (0-5), e á lograda polo equipo feminino EXP-Chess Cares, en terceira, fronte ao Xadrez Marín (2,5-1,5). No caso do Ramón Escudeiro Tilve, representante do club na Primeira División, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu tamén o seu primeiro encontro como locais, no que caeron derrotados (1,5-2,5) ante o Xadrez Bueu A, un dos favoritos para acadar o ascenso á máxima categoría.