DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No encontro que medía aos terceiros clasificados nos dous grupos da máxima categoría

O EXP-UVigo remata quinto na División de Honra tras derrotar á Escola Luguesa de Xadrez

A seguinte cita será a Copa Galicia en maio

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 25/04/2022

Despois de rematar terceiros no grupo B da División de Honra da Liga Galega de Xadrez, o primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo pechou esta fin de semana a súa participación na competición autonómica situándose quinto na clasificación final. Fíxoo superando por 2-4 ao Escola Luguesa de Xadrez, terceiro do grupo A, nun enfrontamento no que o club universitario deu o protagonismo ás súas novas promesas. Tres xogadores sub16, dous sub23 e o integrante do equipo nacional para deportistas con discapacidade David Fernández foron os seleccionados polo capitán, Pablo García, para un cruce que puña fin á competición autonómica que, despois de que a covid-19 obrigase á súa suspensión o ano pasado, articulou a súa División de Honra en dous grupos.

No encontro disputado en Lugo, os sub16 Luís Alonso e Rubén Fernández sumaron, tras pouco máis de dúas horas de xogo, ás dúas primeiras vitorias do EXP-UVigo Estratexia pola Paz. Non tivo tanta sorte Juan Manuel Martínez, que sufriu a primeira derrota dos universitarios fronte a un equipo que non convocou aos seus titulados internacionais, aínda que si ao gran mestre internacional letón Starostits. Na que desde o club pontevedrés definen como “a partida máis tola da xornada”, nas que “vantaxes decisivas” mudaron de bando en varias ocasións, chegou logo o empate a dous coa derrota de David Fernández. Non obstante, os sub23 Alberto Portela e Rodrigo Regueiro, no seu debut co primeiro equipo, sumaron a continuación dúas novas vitorias para os pontevedreses, poñendo o 2-4 final no marcador. 

Rematada a liga autonómica, o seguinte reto para a EXP-UVigo chegarán os días 21 e 22 de maio coa Copa Galicia, na que o equipo sub16 defende título.