DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na última xornada, derrotou por 1.5-4.5 ao Algalia A de Santiago

O EXP-UVigo remata terceiro na fase de grupos

Medirase á Escola Luguesa de Xadrez para definir o seu posto final na División de Honra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Deportes
DUVI Pontevedra 04/04/2022

Cunha vitoria na casa do Algalia A de Santiago de Compostela pechou o primeiro equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo a súa participación na fase de grupos da División de Honra da Liga Galega de Xadrez. Con este resultado o equipo universitario remata no terceiro posto do seu grupo nunha tempada os equipos participantes na máxima categoría competiron divididos en dous bloques. O Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo Estratexia pola paz sumou un total de 27,5 puntos nesta fase da competición, que pechou en terceiro lugar por detrás do Xadrez Ourense, con 32 puntos, e o Xadrez Verín, con 30,5. A liga pecharase o 23 de abril cos cruces entre os grupos A e B, nos que o EXP-UVigo terá que medirse coa Escola Luguesa de Xadrez, nun encontro que decidirá o quinto e sexto posto na clasificación xeral.

Na súa visita a Santiago, o equipo pontevedrés sumou un novo triunfo, en boa medida, grazas ao nivel amosado polas súas novas promesas, como Juan Manuel Martínez, que foi o encargado de abrir o marcador, secundado polo debutante Luís Alonso, que sumou o segundo punto dos visitantes na súa estrea co primeiro equipo. Non tivo tanta sorte o sub18 Rubén Fernández, que sufriu a única derrota do equipo universitario nesta xornada. Si lograron a vitoria Daniel Rivera e David García, mentres que Alberto Portela foi quen, tras máis de cinco horas de xogo, de rescatar un empate dunha partida que semellaba ía decantarse do lado local. 

Ultima xornada das fases de grupos

Tres vitorias, un empate e dúas derrotas é o balance co que os diferentes equipos da EXP-UVigo pecharon esta fase de grupos na Liga Galega nas súas diferentes categorías. En Primeira División, o Ramón Escudeiro Tilve perdeu o seu primeiro enfrontamento da tempada ante o Xadrez Mos A, que adiantou na táboa clasificatoria o equipo universitario. O filial pontevedrés rematou a liga en segundo lugar e non poderá participar nos cruces polo ascenso por ter xa o club un equipo na máxima categoría. 

En Segunda División, o EXP Non á violencia de xénero rematou cuarto no grupo G, mentres que en terceira o EXP-Chess Cares sumou unha vitoria que levou a un triplo empate no máis alto do seu grupo, no que o coeficiente de desempate fainos rematar no segundo chanzo. No seu mesmo grupo, o EXP-Universidade de Vigo foi quinto, mentres que o EXP-Concello de Pontevedra e o EXP-Zona Informática finalizaron terceiro e cuarto, respectivamente, no grupo I.