Polos deportistas Daniel Rivera e David Fernández, respectivamente
A EXP-UVigo, representada no mundial sénior e no campionato de España de xadrez para cegos
O equipo da Escola Xadrez Pontevedra-Universidade de Vigo está dobremente representado nestes días en dúas competicións do máximo nivel. Por unha banda, o xadrecista, director técnico e presidente do club universitario Daniel Rivera atópase en Serbia participando no campionato do mundo para maiores de 65 anos, mentres que o tamén integrante do primeiro equipo da EXP-UVigo David Fernández compite nestes días no Campionato de España Individual Absoluto da Federación Española de Deportes para Cegos (FEDC).
O municipio serbio de Vrnjačka Banka acolle ata o 14 de novembro o FIDE World Senior Chess Championships, unha competición que se disputa polo sistema suízo a once roldas. Máis de 200 deportistas de 64 países toman parte nun torneo no que o mestre internacional Rivera Kuzawka é un dos dous representantes cos que acude Uruguai a este mundial. Rivera iniciou o campionato no posto 44 do ránking inicial, cunha puntuación Elo de 2218, abrindo o torneo cunha vitoria sobre o austríaco Boris Sauper, para logo sumar unhas táboas fronte a Boris Furman.
Pola súa banda, David Fernández atópase disputando o XXXV Campionato de España Individual FEDC, que se desenvolve ata o 10 de novembro na localidade andaluza de Bailén. Representando á federación galega, Fernández Lago abriu o torneo no cuarto posto no ránking inicial, cunha puntuación de 1958, debutando cunha vitoria sobre a madrileña Florentina Alarcón, tras a que chegaría, na mañá xoves, un novo triunfo fronte ao tamén madrileño José Luis Fernández.
Desde o club universitario destacan á súa vez que estas dúas participacións en “competicións do máximo nivel” supoñen un recoñecemento ao “traballo de formación e desenvolvemento continuo” da entidade, tanto no ámbito do xadrez convencional como do xadrez adaptado.
