DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o último informe do Foro Económico de Galicia

A expansión da economía galega modérase

O crecemento foi catro décimas menor que en 2017

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Universidade e empresa
  • Transferencia
DUVI Ourense 28/03/2019

O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Gen da Universidade de Vigo, presentou este xoves o I Informe de Conxuntura Socioeconómica do Ano 2019, coordinado por Fernando González Laxe. Nel saliéntase como “a expansión da economía galega modérase ao medrar o PIB un 2,8% en 2018, catro décimas menos que en 2017”.

O documento foi presentado no Centro Social Abanca de Santiago de Compostela polo seu coordinador e polos membros do Foro Económico de Galicia e autores tamén do informe Santiago Lago, Patricio Sánchez e José Francisco Armesto. Nesta ocasión xunto coa análise das contas económicas do ano 2018 e a síntese estatística dos indicadores de conxuntura, o traballo compleméntase cun comentario sobre o emprendemento e benestar laboral percibido en Galicia, redactado por Isabel Novo.

Na senda da converxencia

Segundo explican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, tras medrar un 2,6% no cuarto trimestre do ano 2018, o PIB galego pechou o ano cun crecemento medio interanual do 2,8%, catro décimas menos que o ano precedente. “A pesar desta ralentización no ritmo de crecemento, Galicia logra superar por terceiro ano consecutivo o avance da economía española, que presenta unha medra do 2,5%”, engaden. Co inicio da recuperación económica, detállase desde a entidade, “Galicia retoma a senda de converxencia coa Unión Europea dos 28 perdida no período de crise, unha converxencia que se mantén neste momento de ralentización económica”. Este mellor comportamento da economía galega, indican, mantense tamén na comparativa coa zona comunitaria, que presenta un crecemento dun 1,9%, ou da zona euro, do 1,8%.

O informe presentado este xoves tamén recolle que Galicia presenta no cuarto trimestre do ano unha contración tanto das exportacións (-1,8%) como das importacións (-1,4%), feito que non acontecía dende o primeiro trimestre de 2015. No conxunto do ano, detállase no documento, as vendas das empresas galegas ao exterior medraron un 3,4% en relación ao ano anterior. A diferenza do acontecido no ano anterior, tanto as exportacións como as importacións medran en Galicia por riba do rexistrado no conxunto do estado (2,2% e 3,6%, respectivamente).

Con este contexto, desde o Foro Económico de Galicia indican que “sorprende o positivo comportamento do mercado de traballo galego, que presenta un significativo incremento da ocupación e unha redución do desemprego”. Así, detallan, a taxa de paro descende ata o 13,3%, a porcentaxe máis baixa dende o ano 2010 (15,3%). Tamén destacan como por sexto ano consecutivo o mercado de traballo galego presenta unha caída da poboación activa. “A diferenza do acontecido no conxunto do estado, onde a poboación activa racha a súa tendencia descendente iniciada en 2013, a poboación activa galega redúcese no último ano en case 5000 persoas, para situarse en 1.243.500 persoas, unha caída do 0’4%”. A perda de poboación en Galicia, indican desde a entidade, é “especial intensa no caso da poboación activa con idades comprendidas entre 25 e 34 anos, con descensos continuados dende o ano 2008”.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresariado e directivos de referencia e xornalistas especializados en divulgación económica, reunindo a un total de máis de 60 persoas referentes para a análise e confección de propostas para a economía galega.