DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo de investigadores do grupo REDE-ECOBAS publicado pola revista Climate Policy

A experiencia galega mostra que os mapas de coñecemento melloran a gobernanza e a formulación de políticas subnacionais sobre o cambio climático

A investigación xorde da súa participación na elaboración da Estratexia galega de cambio climático

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 07/02/2022

Os mapas de coñecemento contribúen de maneira significativa a xerar e difundir información específica sobre o cambio climático, algo que resulta fundamental para os responsables políticos subnacionais a nivel rexional ou metropolitano, por exemplo. Este é o leit motiv dun artigo publicado pola revista Climate Policy e asinado por Carlos Rodríguez-García, Adela García-Pintos, Gloria Caballero e Xosé H Vázquez, investigadores do grupo REDE, que forma parte do centro de investigación Ecobas da Universidade de Vigo.

Como explican os seus autores, os grandes acordos internacionais e o despregue de obxectivos son só un primeiro paso importante na loita contra o cambio climático. Non existe, non obstante, unha única folla de ruta que os deseñadores de políticas públicas rexionais ou locais poidan usar para abordar as particularidades dos seus territorios, equilibrar as políticas de mitigación e adaptación e ofrecer unha gobernanza transparente. "De aí a necesidade de contar cun mapa de coñecemento: unha ferramenta que, a través dun proceso de co-creación con distintos grupos de interese no que se discuten visións distintas dos problemas a abordar, logra organizar o coñecemento existente e poñer os alicerces para orientalo cara as necesidades concretas de intervención baseadas na evidencia", como apunta Carlos Rodríguez-García.

A Estratexia galega de cambio climático como caso de estudo

A investigación xorde da participación dos investigadores na elaboración da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que levaron a cabo xunto con Tecnalia por encargo da Xunta de Galicia. “O mapa de coñecemento foi unha das actividades da licitación que gañamos xunto con Tecnalia, pero levámola a cabo integramente dende REDE porque é importante ter unha capacidade de interlocución fluída con moitos axentes en Galicia que teñen perspectivas e intereses moi diversos, a veces ata contrapostos. O artigo xorde porque nos pareceu que esta experiencia, cos seus éxitos e as súas dificultades, podía resultar de moito interese para outros ámbitos subnacionais no mundo que se están enfrontando ao mesmo problema”.

Así, o artigo publicado por Climate Policy céntranse como caso práctico de estudo precisamente na Estratexia galega de cambio climático, onde características físicas, xeográficas e socioeconómicas configuran o coñecemento científico específico da rexión. “Máis aló do que outros autores tiñan feito con anterioridade, esta estratexia de cambio climático permítenos avaliar non só o coñecemento dispoñible por parte dos investigadores e investigadoras, senón tamén a demanda do mesmo por parte dos responsables políticos a partir dos obxectivos definidos na estratexia. Este cruce de información proporcionounos información valiosa sobre a cobertura das necesidades de coñecemento en cambio climático na nosa comunidade”.

Rodríguez-García explica que, “alén de contrastar capacidades vs. demanda de coñecemento (por exemplo, a area máis demandada é a que menor cobertura ten, a que se refire á coordinación de accións de mitigación e adaptación), o estudo permitiu visibilizar as unidades de investigación no ámbito do cambio climático, e estableceu unha ponte de comunicación estruturada entre persoal investigadores e deseñadores de políticas públicas”. Dende unha perspectiva máis ampla, engade, “podemos dicir que cando a oferta e a demanda de coñecemento están aliñadas, estes coñecementos despréganse de forma máis eficiente, o que permite que as políticas sexan deseñadas con máis precisión e con menores dificultades de implementación”.

Expandir a metodoloxía

Segundo explican os investigadores, o obxecto do artigo é difundir a metodoloxía empregada neste estudo, porque “é xeralizable para axudar a outros gobernos subnacionais a adaptar as súas accións locais aos marcos de políticas xerais deseñados por iniciativas nacionais e internacionais”. Deste xeito, o traballo de REDE “ilustra como os responsables políticos e os investigadores subnacionais poden colaborar para identificar e priorizar áreas de coñecemento clave para afrontar os desafíos rexionais que supón o cambio climático. Ademais, o noso traballo pode descubrir desequilibrios no conxunto de coñecementos sobre mitigación e adaptación que poden levar a nesgos na elaboración de políticas”. Finalmente, amosan como un mapa de coñecemento “pode guiar aos responsables políticos na asignación de recursos públicos para apoiar a investigación dun xeito significativo no ámbito do cambio climático”.