DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun coloquio sobre o proxecto que Agareso e Igaxes levaron a cabo con mozos en risco de exclusión

A experiencia de ‘A Tribo’ achega o alumnado de CCSS e da Comunicación ás claves da comunicación solidaria

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Estudantado
  • Académica
DUVI Pontevedra 25/10/2021

Impulsado pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e a ONG Igaxes, A Tribo é un proxecto no que 22 adolescentes en risco de exclusión social traballaron conxuntamente no desenvolvemento dunha campaña que pon de relevo a importancia de que as súas voces sexan escoitadas. Co propósito tanto de achegar ao alumnado do Grao en Publicidade e Relacións Públicas o labor comunicativo que desenvolven as organizacións do terceiro sector, como de “dar voz aos colectivos vulnerables”, como destaca o profesor Xosé Baamonde, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación acolleu este luns un coloquio coa representante de Agareso Sonia Díaz e con Jorge Fernandes, un dos mozos protagonistas deste proxecto.

Como explicou Díaz neste coloquio, A Tribo é “un proxecto con varias patas”, que implicaba en primeiro termo un “acompañamento académico” dos 22 rapaces e rapazas participantes, completado cun “obradoiro de comunicación participativa”, que se desenvolveu ao longo de seis meses e no que as e os adolescentes deron forma a diferentes produtos, como as curtas que puideron ver as e os asistentes a un coloquio inserido nas actividades da materia Relacións Públicas e Comunicación Solidaria. “A partir dese traballo de reflexión social, política e persoal que fan ao longo destes meses”, explicou Díaz, unha parte destes 22 rapaces e rapazas tomaron parte tamén no desenvolvemento dunha campaña, que engloba tanto cartelería, como anuncios radiofónicos e televisivos e que, a través das súas propias experiencias, busca pór de relevo “que a infancia non pode determinar a vida futura” destes mozos e mozas.   

“O obxectivo da campaña é que escoiten á xente nova e a súa opinión e dar voz ás persoas en risco de exclusión social”, salientou Fernandes, que aludiu de feito á súa propia situación como menor que viviu en centros titulados, o que ás veces fai que a xente poida pensar “que cometiches un delito, cando non ten nada que ver con iso”. De aí que puxese de relevo o positivo de dar a coñecer este proxecto entre o alumnado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, aspecto no que incidiu tamén Díaz, que lembrou que A Tribo xa se presentara hai un días na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, ademais de no propio instituto no que se formou “gran parte do grupo” participante no proxecto.