DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As vitrinas no acceso do centro acollen a mostra ‘Noten que hay barro en la suela de los zapatos'

A experimentación con barro do alumnado exhíbese na entrada de Belas Artes

A mostra reúne os proxectos de nove estudantes de mestrado

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 12/12/2018

Noten que hay barro en la suela de los zapatos é o título da exposición que, nestas semanas, reúne nas vitrinas situadas na entrada da Facultade de Belas Artes as creacións realizadas por nove alumnas e alumnos do máster en Arte Contemporánea. Creación e Investigación. Creacións que son, como explica a coordinadora desta iniciativa, a profesora Chelo Matesanz, o resultado dun proceso de experimentación con este material levado a cabo no marco da materia Laboratorio de Espazos I, para a que tiñan que dar forma a unha proposta artística ideada especificamente para estes cubículos situados no acceso ao centro.

No marco desta materia, apunta Matesanz, desenvolveuse un taller coa ceramista Emilia Guimeráns que serviu como punto de partida para o desenvolvemento dunha serie de pezas que son froito dun traballo de experimentación con diferentes tipos de barro, coas formas, a cor e os acabados ou co que este material “pode achegar nas diferentes fases do proceso”, desde o traballo con barro fresco a súa cocción e pintado. Así, nos resultados finais atópanse tanto obras con barros brancos, vermellos ou negros, “materiais nos que cambia tantoo a temperatura de cocción como o acabado”, como outra serie de propostas que suman ao material esmaltes, o traballo con oxidacións, fotografía ou acrílico téxtil.

“Penso que ver como funciona o teu traballo nun espazo que non é o taller, ver o teu traballo a carón doutros, permíteche sacar conclusións e seguir avanzando”, sinala Matesanz desta iniciativa que, por outra banda, constituíu para os nove alumnos e alumnas participantes a oportunidade de testar este material como un posible recurso a empregar nas súas liñas de traballo e investigación de cara ao desenvolvemento dos seus traballos de fin de mestrado. 

Diferentes procesos e intereses

Aida López Fernández, Chiño Eirín, Iván Graña, Brais Romero, Ana Puga, Alicia Martínez Baz, Maray, María Pose e Alexandra Rey son os nove estudantes participantes na exposición que nas próximas semanas poderá verse en Belas Artes e que combina, nestas nove vitrinas, “traballos máis elaborados xunto a outros máis experimentais”, traballos con “distintos acabados pictóricos” e traballos nos que o barro se combina con outra serie de materiais. Así é no caso de Eirín, que emprega este material xunto coa pedra, ou de Iván Graña, que, “como se fose unha instalación”, expón as máscaras que creou con barro a través de fotografías; mentres que Rey optou por “traballar co punto de vista”, cubrindo a súa vitrina coa excepción dun oco central a través do que o público pode ver as súas pezas.  

Noutros casos, a experimentación céntrase no traballo coas formas, como no caso de Iván Graña, que experimenta coa representación do que sería a pegada dunha brocha, á vez que Alicia Martínez e Aida López  toman como referente “as formas do mar, formas orgánicas e biolóxicas”, mentres que outras creacións, como a de Ana Puga son o resultado da experimentación coa aplicación da cor, ou da aplicación de oxidacións a este material, no caso de Maray.