DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado de Enxeñería Industrial impartiralles clases dentro dun proxecto de Aprendizaxe-Servizo

Experimentos con fluídos para sacar da rutina a nenas e nenos hospitalizados

A actividade terá lugar os días 2, 16 e 23 de abril no Hospital Álvaro Cunqueiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Estudantado
  • Académica
DUVI 28/02/2020

Un fluído é calquera substancia líquida ou gasosa que cumpre cun comportamento elástico, comprensible e que ten fluidez. Por tanto, a Mecánica de Fluídos é a parte da Física que estuda a forma na que se comportan estes fluídos en distintas condicións, así como as súas propiedades. Sobre esta temática versa o proxecto Fluídos Divertidos dentro da convocatoria de proxecto Aprendizaxe- Servizo (ApS), impulsada pola Área de Formación e Innovación Educativa da Universidade de Vigo. Aínda que teñen as características dun voluntariado, estes proxectos son unha metodoloxía de ensino que se encadra dentro dunha materia e, polo tanto, o alumnado é avaliado. O obxectivo destas actividades é que o alumnado poña en práctica coñecementos e desenvolva habilidades e actitudes mediante un servizo á comunidade, neste caso formando de maneira lúdica a nenas e nenos hospitalizados.

O proxecto desenvolverase no Servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro baixo a coordinación de Eduardo Suárez, profesor do Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos. A actividade procura, por un lado, mellorar as competencias do alumnado en materias relacionadas coa Mecánica de Fluídos, como por exemplo Sistemas Fluídomecánicos para o Transporte, Deseño de Máquinas Hidráulicas e Oleoneumática Industrial e Máquinas de Fluídos de Enxeñaría Industrial. Por outro pretende distraer das rutinas médicas a nenas e nenos hospitalizados.

Beneficioso para nenas e nenos, estudantado e profesorado

O proxecto, aínda que destinado a ofrecer un servizo á comunidade, é beneficioso para todos os participantes, dende as cativas e cativos ata o estudantado e profesorado, como explica Eduardo Suárez. Destaca o docente que, en xeral, é “un feito contrastado que, en xeral, reducir a ansiedade e manter un estado de ánimo positivo nos pacientes mellora ou acelera os resultados dos tratamentos e reduce a duración das estancias hospitalarias”. Polo tanto, calquera actividade que manteña aos cativos entretidos e os afaste, aínda que sexa por un instante, da situación na que se atopan será, como indica o profesor, beneficioso para eles. Neste sentido fai referencia á Carta Europea dos Dereitos de Nenos e Nenas Hospitalizados, aprobada en 1986 polo Parlamento Europeo, a cal enumera, entre outros, “o dereito dos pequenos a recibir formación escolar lúdica durante a súa hospitalización”, explica o profesor.

No que respecta ao estudantado universitario, a actividade permitiralles perfeccionar habilidades como o traballo en grupo e mellorar a exposición en público, neste caso diante dos pacientes. Ademais, “traballarán competencias asociadas coa enxeñaría como o manexo de equipos, técnicas e métodos aplicables, limitacións de saúde e seguridade, responsabilizarse da toma de decisións, comunicación eficaz e implicacións sociais asociadas coa realidade hospitalaria e coa sociedade en xeral”, engade o coordinador.

No caso do profesorado, Suárez explica que lle gusta innovar na docencia e non usar sempre as mesmas metodoloxías. Por iso lle parece unha actividade de grande utilidade tamén para o persoal docente xa que lle axuda a repensar nos seus propios métodos para así poder “modificar as inercias adquiridas ao longo dos anos”, o cal comenta, “sempre é positivo”.

A orixe da temática

A idea de poñer en marcha este proxecto tomou como referencia o MOOC A mecánica de fluídos é divertida, que botou a andar hai tres anos, co obxectivo de explicar dunha forma máis sinxela e lúdica a través de distintos experimentos a Mecánica de Fluídos, unha materia que “ten fama de ser difícil ”. Así, contando con esta experiencia previa, Eduardo Suárez decidiu deseñar este proxecto de Aprendizaxe-Servizo que dá un paso máis e achega unha vertente solidaria acercando a ciencia e a enxeñaría ás enfermas e enfermos pediátricos. Para tratar con este tipo de pacientes, o alumnado recibirá asesoramento previo “coa intención de que sexan un pouco máis conscientes da actividade na que van a participar e para que se involucren máis na mesma”, sinala o profesor. A maiores, tamén coñecerán as patoloxías dos pacientes e, durante o transcurso das sesións, contarán co apoio do persoal sanitario, que estará en todo momento presente dando indicacións en caso de ser necesario.

Organización da actividade

A actividade desenvolverase os xoves 2, 16 e 23 de abril. Cada día acudirán ao hospital diferentes grupos de alumnos con distintos experimentos que serán expostos diante dos nenos e nenas do hospital. Ademais, “a maior parte dos cativos están poucos días ingresados na planta, co que previsiblemente moitos dos pacientes- espectadores serán diferentes”, engade Suárez. Para a realización destes proxectos, o alumnado deberá “deseñar, construír e probar dispositivos en base a coñecementos técnicos da mecánica de Fluídos”, explica. Os experimentos están especialmente pensados para un público infantil, polo que non son perigosos e teñen unha clara vertente lúdica. Nas sesións, explica Suárez, disporán de diferentes fluídos, colorantes e outros materiais, e tomarase como referencia experiencias previas con globos, paracaídas, avións de papel, etc.

Avaliación

A diferencia entre un programa de voluntariado e estes proxectos de Aprendizaxe-Servizo é que estes últimos se enmarcan no programa académico dunha materia, polo tanto, o alumnado universitario será avaliado atendendo a criterios como o grao de dificultade técnica, a creatividade do experimento e a adecuación aos requisitos”, conclúe Suárez.