Nunha charla organizada polo Future Oceans Lab (FOL) do CIM
A experta australiana Michele L. Barnes analiza na UVigo como as conexións entre as persoas e os ecosistemas inflúen na sostibilidade mariña
Presentou un enfoque innovador baseado en redes socioecolóxicas
As comunidades costeiras de todo o mundo enfróntanse a crecentes desafíos de sostibilidade, que van desde a gobernanza equitativa dos recursos mariños ata a adaptación aos impactos do cambio climático. En base a esta realidade, a Universidade de Vigo acolleu este martes o seminario Tangled Tides: Social-Ecological Networks and Resilience in Marine Systems, impartido pola experta australiana Michele L. Barnes, profesora asociada da School of Project Management da University of Sydney.
Barnes presentou un enfoque innovador baseado en redes socioecolóxicas que permite analizar as conexións entre persoas e ecosistemas e como estas interaccións inflúen nas causas e resultados do cambio global. A actividade, organizada polo Future Oceans Lab (FOL) do Centro de Investigación Mariña (CIM), reuniu a investigadoras e investigadores nunha sesión híbrida celebrada na Facultade de Ciencias do Mar.
Durante a súa intervención, Barnes expuxo como as conexións sociais inflúen na conservación da biodiversidade, o benestar humano e a capacidade das comunidades costeiras para adaptarse ao cambio climático. A través de exemplos de campo en comunidades pesqueiras de Kenia e Papúa Nova Guinea, presentou un enfoque innovador que permite entender os sistemas mariños como redes interconectadas de persoas e ecosistemas.
Entendendo a complexidade: redes que conectan persoas e natureza
Tal e como explicou durante a charla, a súa investigación vai dirixida a analizar como se resolven os complexos problemas da sostibilidade, baseándose no papel das redes sociais, a capacidade de recuperación (resiliencia) e a habilidade da sociedade para adaptarse ao cambio climático.
Barnes explicou que as persoas e a natureza están entrelazadas. Nesta liña, propón un enfoque socioecolóxico que considera a resiliencia das pequenas pesqueiras como un exemplo de como comunidades enteiras poden facer fronte a desafíos. Indicou, neste senso, que "as redes sociais importan e inflúen nos recursos e nas condutas, e hai unha oportunidade de actuar". Isto significa, ao seu modo de ver, que as conexións e a forma en que se relacionan as persoas inflúen directamente na dispoñibilidade de recursos e en como se comportan, abrindo camiños para o cambio.
O seu traballo baséase na análise de redes socioecolóxicas, establecendo unha especie de mapa das conexións entre as persoas e a contorna natural. Isto permítelle entender as complexas interaccións que ocorren, especialmente naquelas comunidades costeiras que loitan contra o cambio climático e a xestión dos recursos mariños. Os seus estudos non quedan na teoría; combinan a investigación no terreo coa análise destas redes para ofrecer solucións prácticas e probadas para un futuro máis sostible. A súa perspectiva permite así estudar a fondo estas relacións e ver como afectan á biodiversidade e ao benestar humano, creando sinerxías entre a ecoloxía e as persoas. Tal e como trasladou na súa charla, “cando a natureza prospera, as persoas tamén o fan, e viceversa”.
A pesar de que anualmente se invisten grandes sumas de financiamento en políticas de adaptación, Barnes advirte que "a miúdo pásase por alto a complixidade deste tema e aínda queda moito traballo por facer para demostrar a eficacia deste enfoque”. Para ela, "a importancia da sociedade nos enfoques ecolóxicos é urxente e é preciso actuar", polo que lembra que, “ás veces, o que beneficia á comunidade en xeral, non sempre beneficia ao individuo". Por iso, destaca a importancia de equilibrar as necesidades colectivas e individuais na procura da sostibilidade.
Ciencia aberta e conectada cos retos sociais
Desde o CIM, destacan que este tipo de seminarios está en liña co interese do centro por fortalecer a formación do persoal investigador en áreas de gran relevancia para o futuro dos océanos, como a sostibilidade, a resiliencia e a gobernanza socioecolóxica. “Ademais de fomentar o intercambio de coñecemento, reforzamos o noso papel como nodo de conexión con investigadoras e investigadores de referencia internacional, consolidando a nosa misión de formar talento e xerar coñecemento útil para unha sociedade máis sostible”.