DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunhas xornadas coordinadas por docentes da Facultade de CC Económicas e Empresariais

Expertas avogan por potenciar as políticas de igualdade dentro da responsabilidade social empresarial

A actividade celebrouse no Teatro Vidal Bolaño coa asistencia de medio cento de participantes

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
D. Besadío DUVI 14/10/2020

Potenciar as políticas de igualdade dentro da responsabilidade social empresarial (RSE) é, a día de hoxe, un obxectivo a cumprir para as empresas, non só a nivel galego, senón tamén español e internacional. Así o deixaron ver este mércores as participantes na Xornada A igualdade na Axenda 2030, unha actividade que, debido á actual situación sanitaria, se celebrou no Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria, espazo que se acondicionou para mudar a música ou as artes escénicas por un evento de carácter moito máis académico e no que participaron preto de medio cento de asistentes, moitos deles estudantes dos mestrados de Xestión do desenvolvemento sostible e Administración integrada de empresas e responsabilidade social corporativa.

“A idea das xornadas é transmitirlle ao alumnado e á comunidade universitaria en xeral a importancia da Igualdade de xénero dentro do marco da Responsabilidade Social Corporativa”, explicou ao inicio do acto a profesora Rocío Rodríguez, coordinadora das xornadas xunto con Pilar Piñeiro, docentes ambas da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e investigadoras da agrupación estratéxica Ecobas. “O obxectivo é, por un lado, dar a coñecer que é a Igualdade, enmarcala na RSC e, xa despois, facilitar algunhas ferramentas que se están a empregar tanto por parte das empresas como dos organismos públicos”, recalcou a docente.

Un tema no que “queda moitísimo por facer”

O programa da xornada, patrocinada pola Unidade de Igualdade, abriuse coa charla A responsabilidade social e a igualdade, impartida por Ana Rodríguez Vázquez, docente especializada en RSE e Economía Circular e titora do programa Responsabilízate (RSE) da Xunta de Galicia. “A miña idea é relacionar como a igualdade está unida inevitablemente á responsabilidade social empresarial”, explicou Rodríguez Vázquez, quen tamén exerce como embaixadora da Economía Circular e a Innovación Tecnolóxica da Advanced Leadership Foundation. “Moita xente non entende o tema da Igualdade co enfoque estratéxico que debería ter, senón como accións illadas”, apuntou a experta, ao tempo que fixo fincapé en que dentro desa responsabilidade social empresarial débense introducir tamén os conceptos dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible e, xa máis concretamente, o ODS número 5, centrado en temas de Igualdade. 

A situación regulatoria destas cuestións a nivel internacional, español e autonómico foi outro dos temas que se abordou nesta primeira charla das xornadas. No caso galego a experta centrouse no propio programa Responsabilízate, dirixido a impulsar un maior desenvolvemento e implantación da RSE nas pequenas e medianas empresas e entre as autónomas e autónomos galegos. “Eu penso que as pemes galegas son cada vez máis conscientes da importancia destes temas pero a verdade é que queda moitísimo por facer”, apuntou Rodríguez Vázquez, quen lamentou que, “polo agora é moi pouquiño o que se ten feito neste sentido”.

Tras Rodríguez Vázquez, Yolanda Molares, socia directora do Instituto para o Crecemento Sostible da Empresa SL-ICSEM, centrou a súa intervención nas diferentes ferramentas que existen na actualidade para implantar os plans de igualdade e o programa da xornada pechouse coa intervención das profesoras da Universidade de Vigo Sonia Rodríguez Parada e Belén Fernández-Feijóo, integrantes do grupo de traballo do IG, un indicador empregado para medir o índice de Igualdade de xénero nas empresas galegas elaborado por un grupo de investigadoras de Ecobas, en colaboración con Zona Franca.