DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Gustavo Sorá é antropólogo e especialista en Socioloxía da tradución

Un experto afonda na FFT na tradución de libros en Arxentina

O investigador visitou o campus convidado polo grupo de investigación Bifega-Bitraga

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Académica
DUVI 03/12/2018

Gustavo Sorá, antropólogo e especialista en Socioloxía da tradución, visitou este luns o campus de Vigo para impartir unha conferencia, na Facultade de Filoloxía e Tradución, sobre a tradución de libros na Arxentina, o seu país de orixe. Convidado polo grupo de investigación Bitraga, integrado en Bifega, o experto analizou o poder desigual das linguas e mercados nacionais para a lexitimación internacional da palabra impresa, así como os obstáculos e manipulacións dos intercambios asociados á tradución de libros.

 O longo da conferencia Desafíos teóricos en los estudios sobre la traducción de libros:aproximaciones históricas y sociológicas sobre la traducción de libros en Argentina, Sorá afondou no estudo da tradución de libros na Arxentina dende unha perspectiva transnacional confrontada á tradicional forma de achegarse a estes enfoques nos estudos comparativos sobre a tradución.

A tradución de libros e a circulación de ideas 

A circulación de ideas está condicionada pola desigualdade no poder das linguas e dos mercados nacionais. A partir desta premisa, Gustavo Sorá desenvolveu os efectos que a tradución e a edición de libros teñen na lexitimación internacional da palabra impresa. Mediante unha aproximación dende perspectivas etnográficas, sociolóxicas e históricas, e a través do marco do Sistema Mundial das Traducións, Sorá fixo unha análise baseada en datos recopilados na Arxentina sobre a tradución de libros. Así mesmo, tratou os obstáculos e manipulacións que poden ir asociados a ela e, o mesmo tempo, remarcouno coma un potente indicador das estruturas e condicionamentos na circulación de ideas.