DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais ás 12.00 h deste venres

O experto do Banco Mundial, Manuel Mariño, afondará nun coloquio sobre os novos retos da enxeñaría para o desenvolvemento

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 16/04/2008

Co obxectivo de informar sobre os proxectos de cooperación internacionais postos en marcha en países en vías de desenvolvemento, o consultor experto do Banco Mundial, Manuel Mariño ofrece este venres unha conferencia na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Baixo o título de Enxeñaría e Desenvolvemento. Novas funcións, novos e vellos retos, Mariño afondará en temas de cooperación internacional, ámbito no que traballa para o Banco Mundial. Doutor enxeñeiro de Camiños, Canais e Portos pola Universidad Politécnica de Madrid en 1983, Manuel Mariño desenvolve a súa actividade na sede principal do Banco Mundial en Washington dende 1992. A partir do ano 1999, realizou para este organismo proxectos en diferentes países de Europa e rexión central de Asia e posteriormente encargouse de proxectos técnico e económicos en Arxentina, Croacia, Hungría, Kosovo, Lituania, Rusia, Serbia, Montenegro ou Brasil.
Con este experiencia ten participado en numerosos foros e conferencias internacionais sobre proxectos de desenvolvemento, entre eles, esta semana toma parte en Vigo nunha xornada sobre Nuevas fórmulas de inversión privada en infraestructuras.
Organizado pola Fundación Serafín Ocaña en colaboración coa Universidade, este coloquio responde tamén aos obxectivo do Grupo do Banco Mundial que traballa na campaña Por un mundo sen pobreza e no que están integradas cinco organizacións: o Banco Internacional de Reconstrución e Fomento, a Asociación Internacional de Fomento, a Corporación Financeira Internacional, o Organismo Multilateral de Garantía de Inversións e o Centro Internacional de Arreglos de Diferenzas Relativas a Inversións.
Destinado a ofrecer apoio aos países en desenvolvemento, o Banco Mundial creado en 1944, ten como obxectivo combater a pobreza en todo o mundo e, para iso, tratan de promover crecemento para crear oportunidades laborais e axudar aos que viven en
condicións de pobreza a aproveitar estas oportunidades. Deste xeito apoian aos gobernos dos países membros nos seus esforzos por inverter en escolas e centros de
saúde, entregar auga e electricidade, combater as enfermidades e protexer o medio natural. Fundado a parir da conferencia de Bretton Woods, que tamén deu lugar ao Fondo Monetario Internacional, na actualidade conta con 185 países membros e traballa a xeito dunha organización internacional, tanto no mundo en desenvolvemento como no mundo desenvolto.
O acto, que contará coa presenza do reitor da Universidade, Alberto Gago, desenvolverase no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a partir das 12 horas deste venres e, pola amplitude do tema a desenvolver, está destinado a profesores e estudantes de todas as titulacións.