DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No VIII Congreso Internacional que tivo lugar en Roma

Expertos de 45 países reúnense para debater sobre a situación actual do protocolo

O profesor, Fernando Ramos, asistiu en representación da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Ana Terceiro DUVI 27/11/2007

Expertos de 45 países reuníronse no VIII Congreso Internacional de Protocolo que se celebrou en Roma para debater sobre a situación actual que vive esta disciplina na sociedade. Nesta xuntanza, que se celebrou no Capitolio da cidade italiana, a Universidade de Vigo estivo representada polo profesor Fernando Ramos, que participou nas tres intensas xornadas, xunto con outros profesionais desta materia que impartiron conferencias alternadas con posteriores debates.
Como experto en protocolo e redactor do código deontolóxico da Asociación Internacional de Ceremonial e Protocolo, Fernando Ramos, clausurou este congreso co relatorio A Code of Conduct for Members of Internacional Protocol Association, no que chamou a atención dos presidentes das diferentes institucións alí presentes para asinar este código. “Foi unha actividade moi interesante, moi enriquecedora a nivel persoal e moi prestixiosa para a Universidade”, comentou Fernando Ramos.
Hoxe en día o protocolo é moito máis que colocar a xente nun acto, é unha ciencia comunicativa que tende á excelencia das manifestacións públicas das organizacións. Por iso, o obxectivo deste congreso é “facer unha reflexión colectiva entre os maiores expertos do mundo sobre como mellorar a comunicación pública das institucións e das empresas e como achegalas máis á xente, de xeito que se consiga un maior perfeccionamento na política de comunicación dos eventos”, engadiu o profesor da Universidade.
Entre os asistentes ao acto podemos destacar a presenza do xefe de protocolo da Presidencia da República Italiana, Filippo Romano; o xefe de protocolo da Presidencia do Consello de Ministros, Massimo Sgrelli; o embaixador e presidente da Sociedade Italiana de Organizacións Internacionais, Umberto La Rocca; e o xefe de protocolo dos Xogos Olímpicos, Paul Foster.

Outras representacións internacionais

A Universidade está presente constantemente en acontecementos nacionais e internacionais como entidade colaboradora e participa activamente en congresos e xornadas para estudar a situación de diversas disciplinas como, neste caso, o cerimonial e o protocolo. Deste xeito, ademais da xuntanza de Roma, Fernando Ramos asistiu ás II Xornadas Internacionais de Protocolo, organizadas pola Asociación Portuguesa de Estudos de Protocolo en Lisboa. Nesta actividade, o profesor expresou a inquedanza por parte da Universidade de establecer un novo itinerario na titulación de Publicidade e Relacións Públicas de cara a que exista unha especialización nesta disciplina. Co relatorio Camiños da Formación Universitaria no Dominio do Protocolo e a Comunicación, Ramos explicou “cal é o futuro dos estudos de protocolo dentro da universidade”.