DUVI

Diario da Universidade de Vigo

“Resaca das Letras 2008” celebrarase o vindeiro 21 de maio en Ciencias Sociais e da Comunicación

Expertos internacionais achegaranse ao campus para debater sobre os retos lingüísticos da sociedade galega do século XXI

Na xornada daranse a coñecer os gañadores dos “Premios RDL 2008” ás mellores webs en galego

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 19/05/2008

Para despedir as clases e como colofón aos festexos do Día das Letras Galegas, expertos internacionais achegaranse ata a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para afondar nos retos lingüísticos da sociedade galega do século XXI. A iniciativa forma parte da xornada Resaca das Letras 2008, unha actividade dirixida polo profesor da Universidade Benigno Fernández Salgado para fomentar o uso do galego na Rede e, deste xeito, premiar ás mellores webs que teñan unha versión na nosa lingua.
O catedrático da Universidade de Essex no Reino Unido, Iggy Roca; o director do Diario de Pontevedra, Antón Galocha e o realizador e director de cine, Jorge Coira, son algúns dos profesionais que darán contido á mesa redonda na que se debaterá sobre as diferentes posturas que existen arredor da lingua galega. Por unha banda, a dos que apoian a idea de deixar libremente que os idiomas sigan o seu camiño sen que o home participe e, por outra, a que avoga por loitar e por facer cousas para defender o galego e que se manteña vivo.

Premios RDL 2008

Ademais da mesa redonda, na xornada Resaca das Letras 2008, daranse a coñecer as webs en galego que, sendo as máis votadas, son consideradas os mellores espazos virtuais pola súa información ou innovación. Segundo explicou o encargado da actividade, “penso que é bo animar á xente que pon o seu empeño en proxectos novos ou en manter os que xa existen”, comentou Benigno Fernández.
En total, os candidatos aos Premios RDL 2008 son máis de 60 sitios agrupados en seis categorías: Institucionais, Empresariais e Corporativas, Informativas, Culturais, Blogs e Axencias Publicitarias, entre os cales se atopan a páxina da Xunta de Galicia, a do Concello de Pontevedra, a da firma Rei Zentolo, a da axencia Bap & Conde ou a do Diario Dixital da Universidade de Vigo, DUVI.
Para votar aos diferentes candidatos pódese facer na páxina http://resacadasletras.blogspot.com/ e as votacións estarán abertas ata as 16.00 horas do vindeiro mércores, 21 de maio, cando comece a mesa redonda na que se nomearán aos galardoados.

Un pulo á creación en galego

A xornada Resaca das Letras comezou fai xa catro anos como un exercicio que o docente da materia Redacción publicitaria en galego, Benigno Fernández, pediu aos seus alumnos con motivo da celebración do Día das Letras Galegas. A actividade consistía en valorar tres páxinas web en galego cunha puntuación do 0 ao 5 e escribir un par de parágrafos sobre elas. A partir de aí, os seguintes anos a actividade foi agarrando máis forza, creando os Premios RDL, facendo maratóns de lectura e organizando as mesas redondas. Todo elo co único obxectivo de “dar un pulo á creación galega e facer o noso propio contrapunto dos festexos do Día das Letras Galegas”, apuntou Benigno Fernández. Ademais, nesta ocasión os carteis da xornada tamén foron elaborados por dúas alumnas de terceiro curso de Publicidade e Relacións Públicas: Mabel Doporto Puente e Silvia Barro Villares.