DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No congreso que se celebra desde este luns en CCSS e da Comunicación

Expertos internacionais analizan os debates electorais na “encrucillada” entre a información e o espectáculo televisivo

Inserido nun proxecto de investigación que busca definir un modelo de referencia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 30/09/2019

O 10 de novembro España celebrará de novo unhas eleccións xerais que probablemente veranse precedidas de novos debates televisivos entre os candidatos das principais formacións políticas. Dar forma a unha proposta de modelo de referencia para a organización e difusión destes contidos é o obxectivo central do proxecto de investigación DebaTv, financiado polo de Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e coordinado polo grupo de investigación CP2, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no que se insire o I Congreso Internacional sobre Debates Electorais Televisados e Novas Formas de Comunicación Política, que desde este luns se celebra nesta facultade. 15 conferencias e mesas de debate e a presentación de preto de 70 comunicacións integran o programa dun foro que reúne a expertos e profesionais co propósito de pór en común as súas reflexións sobre o presente e futuro dos debates de cara á preparación “dun manual sobre debates electorais en España que sirva de referencia para a súa organización ás televisións, tanto públicas como privadas”, explica o profesor Xosé Rúas, presidente do comité organizador. Con máis de 60 inscritos, o congreso arrincou cunha conferencia do investigador da Northeastern University de Boston Alan Schroeder, quen sinalou que os debates se atopan nunha “encrucillada” definida polo feito de ser tanto eventos que achegan información aos e ás electores como “espectáculos televisivos”. 

Organizado coa colaboración da Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais e a Vicerreitoría do campus, que nas xornadas de luns e martes reúne, como lembrou Rúas, a unha serie de “conferenciantes de moito prestixio moi relacionados co tema do congreso”, como o presidente emérito da Academia de las Ciencias y las Artes de Televisión (Academia TV), Manuel Campo Vidal; o eurodeputado, ex-ministro e ex-secretario de Organización do PSOE José Blanco ou a ex-secretaria de Estado de Comunicación Carmen Martínez Castro. Na súa inauguración, Rúas salientou tamén a “viveza” que achega a este foro a repetición electoral, aspecto no que tamén incidiu o decano, Xosé Baamonde, quen defendeu que, no eido da comunicación política, “as organizacións teñen que buscar menos a afinidade ideolóxica e máis a profesionais que saiban xestionar ben a súa comunicación”, como os que forma esta facultade, que, lembrou, atópase celebrando o seu 25 aniversario. “É evidente que a estrutura política clásica está cambiando, polo que foros como este son fundamentais”, engadiu o director da Área de Infraestruturas do campus, José María Cancela.

Comunicación política ou un formato televisivo?

Considerado un dos maiores expertos nos debates electorais nos Estados Unidos, Alan Schroeder abordou as principais características dos debates neste país, á vez que incidiu nos “perigos” que, ao seu xuízo, implican uns formatos que nos Estados Unidos contan cunhas “audiencias enormes”. Preto de 84 millóns de persoas viron en 2016 os debates entre o actual presidente, Donald Trump, e a candidata demócrata, Hillary Clinton, lembrou Schroeder, quen cuestionou “se os debates serven aos intereses das grandes cadeas ou ás necesidades dos votantes”. Así, entre eses “perigos”, sinalou o feito de que “recompensan as habilidades incorrectas, xa que o traballo de ser presidente é ben distinto que o de actuar nun programa de televisión”, lembrando nese senso que “Trump perdeu todos os debates con Clinton, pero gañou o espectáculo”. Ao mesmo tempo, Schroeder sinalou tamén que se trata de formatos que obrigan a “simplificar demasiado” ou que “requiren do conflito”. De aí que, ao seu xuízo, “teñan máis que ver con outros programas de televisión que con outras formas de comunicación política”.

Por outra banda, Schroeder puxo o foco nalgúns dos aspectos que poderían marcar o futuro destes contidos, como a importancia das redes sociais, que supoñen “unha oportunidade para renovar, para ter unha nova versión dun produto que ten xa 60 anos”, contribuíndo a facelos “máis interactivos” achegando as preguntas e opinións da audiencia. “Nos debates existe unha confluencia entre espontaneidade e coreografía, que é o que os fai tan fascinantes para o público e os xornalistas e tan espantosos para os políticos”, engadiu.  

Análise das “regras de xogo”

Trala conferencia inaugural, o primeiro dos debates centrouse nos organismos reguladores do audiovisual, coa participación do vicepresidente do Consell de l´Audioviual de Cataluña, Salvador Alsius, o profesor da Universidad de Sevilla Ángel Acosta e a técnica da Entidade Reguladora da Comunicación Social de Portugal Carla Oliveira. Moderada polo catedrático da USC Francisco Campos, o coloquio puxo de relevo como en España, “a salvagarda do pluralismo político nas televisións e radios públicas e privadas” depende da Xunta Electoral Central, como lembrou Alsius, quen trazou unha comparativa con países como Francia, Gran Bretaña, Italia, Alemaña ou Estados Unidos. En todos eles, os órganos responsables dos procesos electorais “delegan en organismos independentes de regulación do audiovisual o control do cumprimento dese pluralismo”, polo que, sinalou, “en España estamos vivindo unha situación completamente atípica”, xa que este tipo de consellos só existen, a día de hoxe, en Cataluña e Andalucía.

Na tarde deste luns, o congreso acollerá a conferencia de Campo Vidal, O debate cara a cara, mentres que o martes outro foro de debate reunirá a representantes da Federación de Organismos de Radio Televisión Autonómicas (Forta) e da Unión de Televisores Comerciales en Abierto (Uteca), participantes tamén no proxecto de investigación, á vez que contará cunha mesa sobre a negociación e preparación dun debate, a cargo de Carmen Martínez Castro e José Blanco. Así mesmo, o programa completarase coas conferencias da subdirectora de Relacións Institucionais e asesora xurídica de RTVE Beatriz Blázquez; do catedrático da Autónoma de Barcelona José Manuel Pérez Tornero e do investigador da Complutense de Madrid José Manuel Robles.