DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O workshop Patrimonio Cíes celébrase ao abeiro do VI ISMS

Expertos internacionais buscan o maior respaldo científico para a candidatura de Cíes a Patrimonio da Humanidade

Un experto de Costa Rica afondou nas semellanzas con Isla del Coco, recoñecida pola Unesco

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI 22/06/2018

“O noso empeño por conseguir que as illas Cíes teñan a catalogación de Patrimonio da Humanidade vén motivado porque queremos que dentro de 2000 anos o arquipélago estea nun estado de conservación incluso mellor ca o que ten hoxe en día”. Así arrancaba o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a inauguración do workshop Patrimonio Cíes que se celebra este venres 22 no Auditorio Mar de Vigo ao acubillo do VI International Symposium on Marine Sciences. O obxectivo deste congreso é sumar ao apoio da cidadanía á candidatura “o respaldo da investigación científica para conseguir a denominación”. “O apoio social é imprescindible, pero necesitamos tamén a ciencia, porque esa é a característica máis distintiva da nosa candidatura”, sinalou o alcalde.

Xunto a Caballero e dando “garantía desa candidatura” estiveron presentes na mesa inaugural Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Emilio Fernández, coordinador do Comité Científico da Candidatura illas Cíes Unesco e profesor da Universidade de Vigo; María Dolores Garza, profesora da Universidade e coordinadora do Comité Socioeconómico da candidatura; Yolanda Aguiar, directora da candidatura; e Gloria Álvarez, membro do equipo técnico de illas Cíes Unesco.

 O Concello de Vigo leva anos traballando nunha candidatura que mestura proceso científico e coñecemento da sociedade e para iso vén organizado actividades como ioga nas Cíes ou o festival ‘O Canto das Illas’. Paralelamente tamén se apostou pola promoción con presenza en medios de transporte e a edición de libros fotográficos para “divulgar e transmitir a todas aquelas persoas que nunca foron ás illas Cíes o que realmente significan”. A celebración do workshop Patrimonio Cíes ao abeiro do VI ISMS, no que participan máis de 500 investigadoras e investigadores de 14 países, é un paso máis na procura dese respaldo científico e de que Vigo se converta no epicentro mundial da investigación.

Cíes, como Isla del Coco

A conferencia inaugural do workshop correu a cargo de Jorge Cortés, investigador da Universidad de Costa Rica e promotor da candidatura de Isla del Coco como Patrimonio Natural da Humanidade, catalogación que conseguiu en 1997. Durante a súa charla, o científico salientou a importancia que ten que calquera paraxe obteña esta denominación e fixo unha comparación entre esta illa costarriqueña e o arquipélago das Cíes. “Non sei por que o arquipélago aínda non é Patrimonio da Humanidade”, asegurou ao público asistente nada máis subir ao escenario.

Seis congresos 

O VI International Symposium on Marine Sciences supón a cita máis importante para as ciencias mariñas en España, xa que por primeira vez aglutinou dende o mércores nun mesmo sitio seis simposios de referencia internacional: ISMS, EOF, Siquimar, Redibal, ISC CDM e o workshop Patrimonio Cíes. Promovido pola Conferencia de Decanos de Ciencias do Mar de España e as universidades de Vigo, Valencia, Gran Canaria, Barcelona, Cádiz e Alacante, CSIC e Instituto Español de Oceanografía, o ISMS conta tamén nesta edición coa colaboración do Concello de Vigo e das empresas CIfga e Oceomic. Este evento converteu Vigo no punto de encontro de persoas investigadoras, expertos e expertas, alumnado e profesionais do ámbito das ciencias de ata 74 cidades de países como España, Portugal, México, Colombia, Costa Rica, Arxentina, Chile, Perú, Reino Unido, Alemaña, Irlanda, Países Baixos, Brasil, Italia e Tunisia. Con 420 comunicacións e pósteres, o ISMS servirá de un escaparate dos avances científicos que se están a conseguir en distintos eidos.