DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Desenvolverase a través de Campus Remoto o xoves e venres 

Expertos nacionais e internacionais analizarán nunha xornada en CC Xurídicas e do Traballo a igualdade de xénero e a fiscalidade

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Igualdade
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/10/2020

“A preocupación polas cuestións de xénero ten natureza transversal e o sistema tributario tamén pode desempeñar, e, de feito desempeña, un papel na procura de solucións”, aseguran Ana María Pita Grandal e Carmen Ruíz Hidalgo, docentes e investigadoras do departamento de Dereito financeiro e tributario da UVigo e organizadoras da xornada Igualdade de xénero e fiscalidade. Perspectiva de xénero no imposto sobre a renda das persoas físicas, que se desenvolverá este xoves e venres, a través de Campus Remoto.

Co obxectivo de que as persoas asistentes teñan a oportunidade de coñecer algunha das achegas que se realizan desde este ámbito lexislativo, a xornada contará coa participación de expertas e expertos en materia tributaria e, en xeral, con destacados traballos en materia de xénero. “Polo de agora temos máis de 70 inscritos, algúns procedentes de universidades como Valencia ou Cádiz, entre outras. Neste sentido, as nosas expectativas víronse satisfeitas”, aseguran as organizadoras, que tamén destacan a participación, entre as e os poñentes de docentes de Brasil e Italia, que permitirán coñecer e comparar ordenamentos.

A experiencia da xuíza Ruth Bader Ginsburg como punto de partida das sesións

A xornada iniciarase este xoves ás 15.30 horas e despois da inauguración a cargo da directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, e de Ana María Pita, proxectarase a película Unha cuestión de xénero (On the Basis of Sex). “Os temas que se abordan toman como punto de partida o contido da película que narra unha parte da historia vital da xuíza Ruth Bader Ginsburg, recentemente falecida, que no desenvolvemento da súa vida profesional, enfrontouse á discriminación que o imposto sobre a Renda de EEUU exercía ao contemplar unha dedución unicamente para as mulleres que coidaban aos seus maiores dependentes”, explican Ruíz e Pita, que sinalan que esa dedución, pola redución da norma, non era aplicable aos homes, xa que lles colocaba sempre no papel de “coidadoras”. As organizadoras da xornada coinciden en sinalar que esta temática tan particular, e que pon de manifesto a discriminación da muller, permite abordar a posibilidade de introducir medidas positivas de fomento das actividades económicas da muller. “Desde esta perspectiva preténdese que quen integra a comunidade universitaria teña coñecementos concretos sobre as medidas existentes ata o momento”, apuntan. 

Se a fiscalidade ten xénero; tributación e xénero en Brasil; fiscalidade e xénero no ordenamento tributaria italiano; medidas no IRPF de fomento do traballo na muller ou a exención da prestación por maternidade (e paternidade) no IRPF, son algunhas das cuestións que se abordarán ao longo dos dous días que duran as sesións e nas que tamén se desenvolverán dous debates, centrados nas cuestións que se tratarán na xornada.