DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun encontro organizado pola Universidade e o Cemedem na Escola Naval Militar

Expertos reunidos pola OTAN estudan como predicir se un barco será detectado a través de radares

30 investigadores de sete países forman parte deste grupo de traballo

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 07/06/2019

Abordar e pór en común as investigacións que desenvolven respecto “do coñecemento da reflectividade, o estudo de que ata que punto os barcos son ou non visibles por radares alleos”, constitúe, segundo explica o profesor da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación José Luis Rodríguez, o eixo central do traballo que desde hai tres anos desenvolve un grupo de expertos impulsado pola Science and Technology Organization (STO) da OTAN, que esta semana celebrou unha reunión de traballo na Escola Naval Militar. Organizado pola Universidade de Vigo e o Centro de Medidas Elecetromagnéticas (Cemedem), emprazado na Escola Naval, o foro que este venres celebrou a súa clausura contou coa participación de 30 expertos e expertas de sete países. 

O STO constitúe a principal organización de investigación en ciencia e tecnoloxía da OTAN e ten como obxectivo satisfacer as necesidades colectivas das nacións neste campo, para o que constitúe diferentes equipos técnicos, formados por expertos e expertas de diferentes países, como o que desde o luns se reuniu na Escola Naval Militar e no que a Universidade de Vigo está representado por Rodríguez, investigador do grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas. “Levamos moito tempo traballando nestes temas e o feito de colaborar con grupos de distintos países sempre achega novas perspectivas”, salienta este docente, que foi seleccionado polo Ministerio de Defensa para formar parte deste panel de expertos, xa que para este serie de grupos de traballo de carácter temporal, a STO convida aos países da organización e outros estados aliados a designar representantes. 

Avaliación e posta en común dos resultados

Segundo explica Rodríguez, os e as integrantes neste grupo participan periodicamente “en campañas experimentais para probar os nosos equipos de medida e de caracterización”, cuxos resultados son posteriormente abordados nuns encontros “nos que podemos pór en común os resultados” e abordar posibles melloras nun traballo que ten como obxectivo tratar de definir “modelos para predicir se os barcos van a ser ou non detectables” a través de sistemas de radar. “O obxectivo dos nosos estudos é determinar se un barco pode ser ou non detectado”, engade este investigador, que incide en que se ben el é o representante da Universidade neste grupo de expertos, esta é unha liña na que traballan de maneira directa un equipo de catro docentes e sete enxeñeiros dentro do grupo de Antenas, Radar e Comunicacións da EE de Telecomunicación. De aí o positivo deste intercambio con expertos e expertas de países como Alemaña, Francia, Reino Unido ou Finlandia, xa que “cada contrastando resultados de probas equivalentes ou vendo que resultados se obtiveron outros países, todos aprendemos”.

Esta posta en común dos “avances nas tarefas que nos asignamos dentro do grupo de traballo” viuse completada así mesmo na xuntanza celebrada na ENM por unha serie de workshops aos que foron convidados “representantes de diferentes institutos ou empresas que poidan proporcionar tecnoloxía” de utilidade nesta liña de investigacións, explica Rodríguez. Deste xeito, tratouse dun encontro “dun carácter máis amplo que as reunións habituais” e que se verá sucedido en novembro polo encontro que terá lugar en Canadá.