DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Expertos na teoría das categorías daranse cita na EU de Enxeñería Técnica Forestal

Nun seminario que terá lugar no mes de setembro

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Romina Vázquez DUVI 21/02/2008

Expertos dun e doutro lado do Atlántico reuniranse do 10 ao 12 setembro para participar nun congreso especializado sobre a teoría das categorías e as súas aplicacións prácticas. A E.U de Enxeñería Técnica Forestal, sede do grupo que traballa sobre o tema na Universidade, o NA2, será o lugar que acollerá aos conferenciantes, todos eles procedentes de centros de investigación e de ensino universitario.
O seminario, nacido no ano 2003, chega a Pontevedra na súa quinta edición, tras celebrarse en ocasións anteriores nas cidades de Logroño, Granada, Santiago de Compostela e Barcelona e, “posiblemente o próximo ano lle toque a quenda a Málaga”, segundo palabras de José Manuel Casas, profesor do departamento de Matemática Aplicada I e membro do comité organizador.
“A teoría de categorías será o eixo central do seminario”, apunta Casas, que engade que “se trata dunha ferramenta moi importante polas súas aplicacións a nivel de robótica, lóxica matemática e informática, xa que está presente en diversas áreas das matemáticas”. Ademais tocaranse disciplinas como a teoría da homotopía, a álxebra homolóxica e a xeometría alxebraica que dotarán ao congreso dunha elevada especialización, “co que podería ser interesante para alumnos de terceiro ciclo”, segundo comenta o organizador.
Todos estes temas serán tratados por medio de conferencias plenarias, sesións de comunicacións cortas e exposicións dos traballos dos participantes previa evacuación polo comité científico.

Máis información http://www.usc.es/regaca/seca5/