DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo o barómetro do Foro Económico de Galicia

As exportacións galegas medraron en 2018 a un ritmo superior ao conxunto de España e da UE

O sector da automoción mantense fronte ao descenso do da confección

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Internacional
  • Universidade e empresa
  • Investigación
DUVI Ourense 28/02/2019

O crecemento das exportacións galegas no ano 2018, un 4,9%, foi inferior ao do ano anterior pero superou a media da Unión Europea e do conxunto de España (3,2%). Ese bo resultado débese ao dinamismo exportador da automoción, mentres que o sector da confección anota lixeiros descensos. Estas son algunhas das conclusións incluídas no Barómetro Exportador de Galicia (Baexga) referido ao conxunto de 2018 feito público este xoves polo Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen).

Asinado por Albino Prada, profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo, o documento apunta como “o desempeño exportador dun país é un factor chave para avaliar a súa competitividade e a súa capacidade para ter un crecemento económico sostido no tempo. O que quere dicir que é un factor chave para xerar un emprego de calidade e asegurar a sustentabilidade do sistema de protección e benestar social”.

Téxtil e automoción

Os bo resultados comparativos de Galicia, indican en nota de prensa desde o Foro Económico de Galicia, débese ao dinamismo exportador da automoción mentres que o sector da confección anota lixeiros descensos. O sector da confección, detallan, mantén o volume exportado cara a UE e medra nas economías emerxentes pero no resto dos mercados o seu balance en 2018 foi negativo. Por primeira vez nos últimos anos, engádese no documento, as exportacións da confección tiveron un peor comportamento en Galicia que o anotado polo conxunto das exportacións, cunha caída dun 0,7% en Galicia e un 0,3% no conxunto de España. Trátase, afirman desde a entidade, “dun cambio de tendencia que se ve reforzado, tamén negativamente, pola diminución do volume de empresas exportadoras do sector (un 5,7% menos)”.

No caso do sector da automoción o barómetro destaca o forte dinamismo exportador cara os mercados europeos “pois medran a un ritmo do dobre que o xa notable dinamismo medio do sector e moi por riba do conxunto do sector en España, un 7,5% fronte a un 1,1%”. Non obstante, indican desde o Foro Económico de Galicia, a cualificación global do Baexga para o sector non pode ser positiva porque, tanto nos últimos dez anos como no que atinxe ao número de empresas exportadoras, o desempeño galego segue por baixo do anotado no conxunto de España.

Evolución no número de empresas

“O notable balance exportador en 2018 vese ensombrecido polo peor desempeño na evolución das empresas exportadoras. A pesar de medrar o seu número nun 8,1% fano a un ritmo moi inferior ao do conxunto de España (26,5%)”, apúntase no barómetro. “Para igualar o peso que temos no PIB de España precisamos incorporar máis de 3000 novas empresas exportadoras, de xeito especial cara os mercados emerxentes e de fóra da Unión Europea, ás 7257 actuais”, recolle o documento.

O Foro Económico de Galicia é unha plataforma de transferencia de coñecemento das universidades e empresas galegas á sociedade. Está integrada por profesorado das tres universidades galegas, empresariado, directivos e xornalistas especializados en divulgación económica, agrupando a un total de máis de 60 persoas para a análise e confección de propostas para a economía galega.