DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra inaugúrase este sábado na Sala X, coincidindo cunha homenaxe ao artista e empresario

Unha exposición afonda en como arte, industria e deseño confluíron en Isaac Díaz Pardo

Comisariada por Silvia García, reúne bocexos de pezas cerámicas non expostas previamente 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 24/01/2019

Artista, intelectual e empresario, Isaac Díaz Pardo (1920-2012) foi “un pioneiro no entrecruzamento entre arte, industria e deseño”, sostén a decana da Facultade de Belas Artes, Silvia García, comisaria da exposición que, desde este sábado, trazará na Sala X un percorrido pola traxectoria e as diferentes facetas do impulsor de Cerámicas de Castro e do grupo Sargadelos. Información biográfica, extractos de reflexións do propio Díaz Pardo sobre arte, industria e deseño, libros editados ou ilustrados polo artista e ensaísta, reproducións de carteis e pezas de mobiliario deseñadas por Díaz Pardo forman parte dos materiais reunidos para unha mostra que se completa exhibición dunha serie de bocexos, nunca expostos previamente, realizados no Seminario de Sargadelos e que servían de punto de partida para o deseño de pezas cerámicas. 

“O obxectivo é pedagóxico”, sinala García de Isaac Díaz Pardo e Sargadelos. Apontamentos sobre arte, industria e deseño, unha exposición que trata de contribuír “a dar a coñecer algo que en Galicia tivo unha enorme importancia no ámbito das industrias culturais”, como foron as múltiples facetas de Díaz Pardo e as diferentes iniciativas que conectan co grupo Sargadelos, como o Laboratorio de Formas, o Seminario de Sargadelos, Edicións do Castro ou o Museo Carlos Maside. 

A exposición, que poderá visitarse ata o 22 de febreiro, inaugúrase este sábado 26 ás 12.30 horas, tralo acto, nos xardíns situados fronte á Facultade de Belas Artes, do Día da Galeguidade Empresarial, promovido polo Foro Enrique Peinador, xunto coa Deputación de Pontevedra, o Concello e a Xunta de Galicia, no que se procederá á descuberta dunha escultura en homenaxe ao empresario, artista e intelectual. 

O artista que abandonou a pintura

“Díaz Pardo ten facetas tan incribles que nunha exposición humilde como esta vanse ver apenas apuntamentos”, recoñece García dunha mostra na que están ausentes, por exemplo, obras pictóricas deste artista e intelectual formado na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid. “Díaz Pardo tivo éxito como pintor, pero en 1948 abandona a súa carreira e volve a Galicia para montar en Sada unha fábrica, Cerámicas do Castro, que en 1955 xa tiña 100 empregados”, lembra García. Tras esta iniciativa, chegaría a creación dunha segunda fábrica, La Magdalena, na Arxentina, onde entra en contacto con intelectuais galegos exiliados como Luis Seoane, cos que emprendería novas iniciativas como o Laboratorio de Formas, que xunto ao Seminario de Sargadelos centraban a parte "máis intelectual" do grupo que conforma tras pór de novo en funcionamento a antiga fábrica de Sargadelos en Cervo, construíndo un “modelo moi singular do entrecruzamento entre artes, industria e deseño”, como salienta García, quen destaca tamén o compromiso de Díaz Pardo coa recuperación da memoria histórica e cultural que desaparecera de Galicia" trala Guerra Civil.

Bocexos nunha expostos previamente

“Non hai outro caso dunha industria na que a arte estea tan presente”, sostén García respecto do eixo dunha exposición que reúne as reflexións de Díaz Pardo sobre estes eidos nunha serie de extractores de textos plasmados nas paredes da sala, así como pezas de cerámica ou unha serie de bocexos de deseños de pezas procedentes do Seminario de Sargadelos nunca expostos previamente. “Trátase de materiais de traballo do seminario para as fábricas, realizados non só por Díaz Pardo senón tamén por deseñadores do grupo”, explica a comisaria dunha exposición para a que contou coa colaboración tanto dos fillos do artista e empresario como de antigos traballadores de Sargadelos “que entrevistei e que cederon material”, así como da propia empresa, representada tamén na exposición a través dunha serie de fotografías das súas instalacións.

Deste xeito, a mostra busca poñer o foco “na maneira de traballar nas fábricas do Castro e de Sargadelos”, á vez que nas múltiples dimensións da figura de Díaz Pardo, presentando pezas de mobiliario deseñadas por el ou a unha serie de libros e reproducións de obras que permiten tamén constatar “como cando empezou a facer cerámica facía figuras con debuxos parecidos á súa obra pictórica”. Así mesmo, a exposición busca tamén achegar algúns apuntamentos sobre Díaz Pardo desde unha perspectiva biográfica, o que levou a García a incluír reproducións de carteis do pintor e escenógrafo Camilo Díaz Valiño, o pai de Díaz Pardo, asasinado trala sublevación militar de 1936, co propósito de abordar como este “viuse influído pola traxectoria artística de seu pai, polos seus carteis ou polo seu traballo coa tipografía”. 

Colaboración da ONCE

A mostra que se inaugura este sábado contou tamén coa colaboración da ONCE, que se encargou de realizar unha serie de fichas en braille dalgúns dos textos que integran a exposición e que, sumadas á presenza de pezas de cerámica que permiten tamén a súa percepción a través do tacto, permitirán que esta sexa tamén unha mostra accesible ás persoas con discapacidade visual.