A mostra titúlase 'Un cuarto propio', en referencia un ensaio de Virginia Woolf
Unha exposición bibliográfica pon en valor as mulleres escritoras do século XIX
Pode visitarse na Biblioteca Central ata o día 12 deste mes
En 1929, Virginia Woolf publicaba o ensaio A room of one’s own, ao que pertence a coñecida frase “unha muller debe ter diñeiro e un cuarto propio para poder escribir novelas”. Case 100 anos despois, esta cita inspira a mostra bibliográfica Un cuarto propio. Mulleres escritoras do século XIX que se pode visitar na Biblioteca Central do campus de Vigo e que percorre algunhas das creadoras máis senlleiras desa época.
As persoas que se acheguen poderán coñecer a vida e obra dunha selección de 13 escritoras do século XIX, as súas publicacións máis importantes e mesmo deterse nunha selección de series e películas baseadas nas súas novelas. Ademais, a mostra tamén inclúe retratos das escritoras e, nalgúns casos, dos seus escritorios, eses lugares onde elas crearon as súas obras e que son o punto de partida da mostra. Para completar o percorrido, o persoal da Biblioteca tamén recreou, “dun xeito máis ou menos realista, un escritorio” e, a maiores, e “grazas á inestimable colaboración” da profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Montserrat Ribao, “engadimos unhas notas sobre o uso dos pseudónimos e os motivos que as mulleres escritoras tiñan para utilizalos ou non”.
A exposición pode visitarse na Biblioteca Central no seu horario habitual ata o 12 maio. A partir desa data, instalarase nunha unha nova mostra con motivo do día das Letras Galegas.
A importancia de ter un cuarto propio
Aínda que Virginia Woolf non forma parte da exposición, ao ser unha autora do século XX, o punto de partida foi o seu ensaio Un cuarto propio, no que plantexa a necesidade de que as mulleres teñan un espazo propio para crear, para seren elas mesmas e para potenciar a súa voz. Para Woolf, a recuperación das vidas e obras de escritoras anteriores a ela e o establecemento dunha tradición literaria feminina foi de vital importancia, xa que cada xeración de escritoras baséase nos éxitos das que foron antes, e para que iso sexa posible, as vidas desas mulleres deben ser coñecidas e os seus libros lidos, estudados, valorados e gozados.
Pero como os séculos anteriores, o XIX foi unha época hostil para as mulleres escritoras, que recibían descrédito e burlas, polo que moitas optaron por non asinar as súas obras ou facelo empregando pseudónimos. De feito, Woolf escribiu: “atreveríame a adiviñar que Anónimo, que escribiu tantos poemas sen asinalos, era a miúdo unha muller”.
Para poñer en valor as obras e achegas ao mundo literario das mulleres que decidiron levar adiante o seu oficio de escritoras, a mostra recolle unha selección de 13 autoras do século XIX: as españolas Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Cecilia Böhl de Faber, a francesa Amantine Aurore Lucile Dupin, a cubana Gertrudis Gómez de Avellaneda, a estadounidense Louisa May Alcott e as inglesas Jane Austen, Elizabeth Gaskell, Mary Shelley, Mary Ann Evans e as irmás Charlotte, Emily e Anne Brontë. “Pero non esquecemos a todas as demais”.