DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra fotográfica ‘Remember Nansen’ pode verse en Ciencias Sociais e da Comunicación

Unha exposición en cinco países pon en valor a traxectoria do Nobel da Paz Fridtjof Nansen

Insírese nun proxecto europeo centrado no diplomático noruegués

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Internacional
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 09/03/2021

Profesor de oceanografía na Universidade de Oslo, protagonista de expedicións científicas no Ártico e en Groenlandia e embaixador de Noruega no Reino Unido, o diplomático Fridtjof Nansen (1861-1930), pasou á historia polo seu labor a prol dos refuxiados, polo que foi recoñecido co Premio Nobel da Paz en 1922. Dar a coñecer a figura do que foi tamén o primeiro alto comisionado para os refuxiados da Sociedade de Nacións é o obxectivo central do proxecto Remember Nansen, no que a UVigo participa xunto con outras seis universidades de España, Italia, Chequia, Letonia e Estonia, baixo a coordinación da Universidade Tecnolóxica de Tallin. Neste proxecto financiado polo programa Europe for Citizens insírese a exposición fotográfica que desde este martes pode visitarse na planta baixa da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e que nestas semanas exhiben tamén boa parte das institucións participantes.

Coordinado polo profesor da Universidade Tecnolóxica de Tallin David Ramiro Troitiño, no proxecto participan, ademais de Vigo, as universidades de Salamanca, Valladolid e Boloña, a Palacký University de Olomouc (Chequia) e o Instituto Letón de Asuntos Internacionais. Como explica o profesor Celso Cancela, representante da institución viguesa nesta iniciativa, a idea inicial era que esta mostra fotográfica se exhibise “de forma simultánea” nas sete institucións participantes, mais a situación xerada pola covid-19 obrigou a adiar as exposicións previstas en Riga e Olomouc. Non obstante, a mostra que ata finais de maio se poderá contemplar no campus pontevedrés pode verse tamén nestes días en Tallin e Boloña, sedes ás que se irán sumando as do resto de institucións participantes nas próximas semanas.

Refuxiados e prisioneiros de guerra

Dar visibilidade á obra de Nansen, “como exemplo de europeísmo e da busca dunha sociedade mellor” constitúe o propósito central dun proxecto que con esa idea, centra esta exposición fotográfica en tres fitos da traxectoria do Nobel noruegués. Por unha banda, unha serie de imaxes lembran a iniciativa humanitaria da Sociedade de Nacións, coordinada por Nansen, para repatriar a centos de milleiros de prisioneiros de guerra que permanecían en Rusia e Europa Central trala Primeira Guerra Mundial. Segundo recolle a web do proxecto, esta iniciativa permitiu repatriar, entre 1919 e 1922, a máis de 427.000 prisioneiros. Por outra banda, outro grupo de fotografías detense na súa participación, como alto comisionado da Sociedade de Nacións, no reasentamento de preto de dous millóns de refuxiados rusos, desprazados pola Guerra Civil vivida neste país trala revolución. 

Estes dous bloques son os actualmente presentes na mostra que pode visitarse na facultade, aos que se sumará, trala Semana Santa, a exhibición dunha vintena de fotografías que abordan o terceiro eixo temático da exposición, a chamada ‘misión Nansen’. Trátase en concreto da axuda humanitaria que coordinou en 1921 co obxectivo de facer fronte á fame negra en Rusia e coa que, segundo recolle a web do proxecto, “salvou millóns de vidas, aínda que as autoridades soviéticas trataron de limitar o seu impacto”. Por outra banda, a esta serie de fotografías sumarase nos próximos días, como explica Cancela, a proxección dunha serie de vídeos inseridos tamén na documentación reunida ao abeiro deste proxecto.

Un precursor do europeísmo

Especialistas en relacións internacionais, historia, ciencia política e dereito participan neste proxecto que, como explica Cancela, abrangue tamén outra serie de actividades, como unha conferencia internacional Estonia, prevista para o mes de setembro e que está previsto dea lugar a unha publicación. No caso deste profesor da Área de Ciencia Política e da Administración e investigador do Observatorio da Gobernanza G3, a súa participación nesta iniciativa centrarase “en ofrecer unha perspectiva institucional que examine o que foi a Sociedade de Nacións e ese labor de cooperación, que ten un mérito extraordinario no contexto no que no que interveu”. Nese senso, Cancela pon de relevo “fitos” como a creación do chamado “pasaporte Nansen”, que fixo posible a mobilidade de milleiros de “refuxiados apátridas”, e destaca nese senso que o proxecto busca pór de relevo a figura deste diplomático como “un dos primeiros europeístas, porque non deixaba de ter unha ollada por riba dos estados, na que o que importaba eran as persoas e non onde están a fronteiras”.