DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra pódese visitar no edificio Redeiras ata o día 30 deste mes

Unha exposición convida a reflexionar sobre a diversidade afectivo-sexual no mundo animal

Producida pola Museu de Ciències Naturals de Barcelona, chega a Vigo da man da asociación Nós Mesmas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Diversidade
  • Divulgación
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Cultura
M. Del Río DUVI 08/06/2023

Ir un paso máis aló e visibilizar a diversidade afectivo-sexual non só das persoas, senón tamén a que existe na natureza. Ese é o propósito da exposición Unha mirada LGTBI ao mundo animal, que dende hoxe xoves e ata o vindeiro día 30 se poderá visitar no terceiro andar do edificio Redeiras. A mostra, producida pola Museu de Ciències Naturals de Barcelona, chega a Vigo da man da asociación Nós Mesmas en colaboración coa Universidade de Vigo e propón unha reflexión, desde a perspectiva LGTBI+, sobre a diversidade sexual no mundo animal, afastándose dos estereotipos e preceptos sociais impostos ao ser humano. A través de varios paneis, aborda dende o punto de vista do coñecemento científico, temas como cantos sexos hai, que é a intersexualidade, se é necesario máis dun individuo para reproducirse, que é a orientación sexual, como mostran interese os animais polos demais e como se aparean os animais, se as relacións sexuais están sempre centradas na reprodución e trata de explicar que é unha familia e que é o xénero.

Antes da inauguración, que se celebra oficialmente esta tarde, a vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, xunto coa profesora da EE de Telecomunicación, investigadora da atlanTTic e presidenta de Nós Mesmas, Soledad Torres, realizaron unha presentación e visita pola exposición, acompañadas da alumna de mestrado na UVigo e vicepresidenta de Nós Mesas, Marta Alonso. Como subliña Torres, a mostra “desminte o mito de que a diversidade afectivo-sexual e de identidade de xénero é algo exclusivo da raza humana”, xa que no mundo animal “se poden atopar múltiples exemplos de todo tipo de relacións, identidades sexuais, etc. porque a natureza é moi diversa”. Nos mesmos termos expresábanse tanto a vicerreitora como Marta Alonso, que incidía na mensaxe de que “a diversidade é algo que habita en todos os seres deste mundo, non é algo exclusivo dunha minoría, senón que é algo completamente estendido”.

Para esta ocasión, dende a propia asociación Nós Mesmas se encargaron de traducir os paneis informativos ao galego e, como indicaba Soledad Torres, a idea é que unha vez conclúa a mostra no edificio Redeiras a finais de mes, esta se poida trasladar a outros centros dos tres campus.

Xerar unha relación estable entre Nós Mesmas e a Universidade de Vigo

A vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade, Maribel Doval, destaca a importancia desta iniciativa porque permite á Universidade achegarse a unha asociación que desenvolve “un traballo moi relevante na provincia de Pontevedra e agardamos que sexa o inicio dunha excelente amizade e intercambio de accións”. Con anterioridade, xa se teñen desenvolvido colaboracións puntuais entre Nós Mesmas e varios centros e docentes da Universidade, “por exemplo a nivel expositivo, con mostras de traballos de Belas Artes ou de fondos da Biblioteca relacionados con temática LGTBI+”, pero nunca de xeito institucional, recoñece Torres. 

De cara ao futuro, avanzou a vicerreitora, estase valorando estender a cooperación e darlle un marco estable a través da sinatura dun convenio entre ambas entidades. E é que como engadía Doval, esta relación garda relación co Obxectivo de Desenvolvemento Sostible 17, que aborda a importancia da alianzas. “A UVigo presume de ser inclusiva e celebra e aplaude a diversidade, porque isto nos enriquece e nos fai mellores como Universidade, pero para isto é fundamental establecer relacións e traballar en rede coas entidades, e Nós Mesmas é un excelente exemplo”.

Dentro das actividades do Día do Orgullo

Esta mostra encádrase dentro da programación que Nós Mesmas deseñou ao longo do mes de xullo para celebrar o Día do Orgullo e que inclúen, por exemplo, o sábado 10 unha mesa redonda sobre a memoria do colectivo en Galicia que se vai desenvolver ás 21.30 horas no CS A Revolta e o domingo ás 11.30 horas un picnic diverso con actividades e xantar no parque de Castrelos.

Ao longo de todo o mes están tamén programadas outras actividades como proxeccións audiovisuais, pasarrúas, obradoiros, teatro, contacontos, etc. que se poden consultar na web da asociación, e que culminarán o 1 de xullo nunha manifestación que sairá da Dobrada ás 20.30 horas.