DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor Marcos Dopico é un dos comisarios de ‘A Galicia deseñada’, presentada na UDC

Unha exposición na Coruña propón o percorrido máis amplo pola historia do deseño galego

Recolle identidades gráficas de diferentes épocas, deseñadas por autores como Castelao ou Díaz Pardo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Pontevedra 14/10/2022

Como “un relato sobre a cultura e a historia do deseño galego elaborado a partir dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas” preséntase A Galicia deseñada, exposición que ten entre os seus comisarios ao profesor da UVigo Marcos Dopico e que este venres se presenta no espazo de intervención cultural Normal, da Universidade da Coruña (UDC). Xunto a Cibrán Rico e Suso Vázquez, do estudio desescribir, Dopico responsabilizouse de dar forma a unha mostra que constitúe o percorrido histórico máis amplo que se ten realizado ata a data polo deseño de identidades corporativas en Galicia, abranguendo desde os “antecedentes dos símbolos que definen o deseño galego” ata traballos contemporáneos. Promovida pola UDC coa colaboración da Deputación da Coruña, a exposición verase complementada pola publicación dun catálogo que, como recoñece o tamén decano comisario da Facultade de Deseño da UVigo, será a primeira publicación “dedicada exclusivamente ao deseño de símbolos e identidades corporativas" en Galicia que abranga "un período de tempo tan amplo”.

Ata o 13 de xaneiro poderá visitarse no espazo cultural da UDC a exposición que, tras a súa presentación ante os medios, celebra a súa inauguración na tarde deste venres, coa participación do reitor da institución coruñesa, Julio Abalde. A Galicia deseñada: símbolos, marcas, identidades gráficas recolle traballos realizados polos "artistas e deseñadores máis destacados da historia visual galega", como Castelao, Camilo Díaz Baliño, Álvaro Cebreiro, Luís Seoane ou Isaac Díaz Pardo, así como por deseñadores e deseñadoras como Pepe Barro, Xosé María Torné, Xosé Díaz, Alberte Permuy, Uqui Permui ou Álvaro Valiño, sumándose aos seus traballos algunhas identidades gráficas "que xorden espontaneamente na rúa", como a de Nunca Máis. 

Resultados dunha investigación que levou a percorrer a historia

Esta exposición é tamén o “resultado dun proxecto de investigación que busca poñer en valor e dar a coñecer o deseño realizado en Galicia”. Trátase, como lembra Dopico, dun traballo que os tres comisarios iniciaron "hai máis de cinco ou seis anos”, que “xorde dende o ámbito profesional e que foi virando cara a investigación histórica”. Non en van, un dos puntos de partida do proxecto foi que os Dopico, Rico e Vázquez coincidían “na idea do pouco recoñecemento que existe en Galicia do traballo dunha serie de deseñadores e deseñadoras” que na década de 1980 e 1990 “foron os encargados da renovación e modernización das identidades corporativas de institucións públicas e empresas privadas”. De feito, recoñece, a idea inicial da exposición limitábase a este período histórico, “pero cando comezamos a investigar e reunir eses traballos, aparecían símbolos e imaxes doutras épocas que foron tomados como referentes para construír esas identidades”.

Existía, subliña, "un relato continuado no que eses símbolos íanse repetindo e reinterpretando nas diferentes épocas” e que levouno a dar forma a un percorrido histórico que, ademais de atender á calidade das identidades corporativas seleccionadas e á representación de múltiples sectores, articulouse cun "fío condutor", o da “trazabilidade” dunha serie de “símbolos identificativos do país que ao longo de toda a historia do deseño foron definindo unha identidade”, apunta o docente e deseñador. Nese senso, o resultado final busca tanto servir como homenaxe a eses profesionais “que seguramente non estiveron suficientemente recoñecidos no seu momento”, á vez que dar forma a un catálogo “que servise como referencia para o estudo do deseño galego”. 

Cinco períodos históricos, negro sobre branco

A exposición articúlase a través de cinco períodos históricos, comezando polo apartado de “antecedentes”, comisariado por Pepe Barro, no que se presentan símbolos da Idade Media, como as marcas dos pedreiros ou o primeiro uso da vieira como emblema da peregrinación a Santiago do que se ten coñecemento e que data do século XII. Un segundo bloque detense nas marcas “asociadas ás primeiras experiencias industriais en Galicia”, como as conserveiras Massó e Miau, Aguas de Mondariz ou La Toja. A continuación, a mostra presenta unha serie de exemplos de símbolos que tiveron a súa orixe durante a ditadura franquista, como os de Barreiros e Sargadelos, para logo achegarse ao período da democracia, no que empresas e institucións “actualizaron a súa imaxe con propostas radicais e innovadoras no seu momento”, como salientan os promotores da exposición. Finalmente, a exposición complétase cunha selección dalgúns dos logotipos máis destacados realizados en Galicia nos últimos anos.

En conxunto, a exposición presenta unha “selección moi transversal” de símbolos de diferentes estilos e épocas, que os comisarios decidiron presentar dun “xeito unificado”, mostrando todos eles en cor negra sobre fondo branco. “Que un símbolo funcione ben deste xeito soe ser unha boa proba da súa calidade”, sinala Dopico que lembra non obstante que “as identidades gráficas son moito máis que un símbolo”. De aí que a exposición se complete cunha escolma de pezas e obxectos de gráfica aplicada nunca expostos previamente, grazas á colaboración de diferentes institucións e coleccionistas privados.