DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘No chan’ poderá visitarse ata o 2 de maio en Vigo

Unha exposición descobre o lado artístico dos elementos xeométricos das beirarrúas

Ignacio Pérez-Jofre inaugura mañá venres unha mostra individual na Fundación Laxeiro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Rebeca López Villar DUVI 18/02/2021

Percorrer o espazo urbano buscando composicións, estruturas xeométricas, pequenos recunchos pictóricos que pasan inadvertidos para o resto de viandantes. Con este obxectivo xurdiron as obras que compoñen No chan, exposición individual que Ignacio Pérez-Jofre, profesor do Departamento de Pintura da Universidade de Vigo, inaugura mañá venres na Fundación Laxeiro de Vigo. 

A mostra, que poderá visitarse ata o 2 de maio en horario de tarde, conta cunha serie de pinturas de gran formato que documentan lugares determinados da cidade de Vigo mediante o procedemento do frottage, co que Jofre rexistra as tramas dos pavimentos. Incidindo na relevancia do espazo social, os pigmentos empregados para conseguir as manchas pictóricas son terras atopadas nos seus paseos, elementos tomados nos propios lugares de creación. 

“Fascinación pola cidade” 

As pezas desta exposición, que retoman procesos pictóricos baseados no gravado e na transferencia da imaxe, caracterízanse por ser froito da “fascinación pola cidade” de Ignacio Pérez-Jofre, así como do percorrido urbano como método, segundo afirman desde a Fundación Laxeiro. Na traxectoria artística de Jofre sobresaen series como Árbol (2014) ou Vida nocturna (2014), tamén orixinadas nos seus paseos polas rúas viguesas. A diferenza das anteriores, as obras de No chan non consisten en intervencións murais nas paredes de Vigo, senón que son traballos realizados ou recollidos na rúa que se expoñen finalmente no museo. Iso si, como explica o artista, preséntanse “como foron realizados, en cru, sen adornos ou resaltes”, pois o contrario “faría perder a súa efectividade”.  

Arredor das súas influencias, o artista menciona as “derivas situacionistas” como referente esencial en toda a súa creación, aínda que neste proxecto estes procedementos “inesperados” non interveñen explicitamente. Non se trata dun traballo producido no “deambular guiado pola intuición ou o desexo”, continúa, senón que os solos elixidos son aqueles polos que camiña habitualmente, no seu día a día. Neste senso, Jofre sinala como precedente a Dubuffet, “pola mirada atenta dirixida aos solos, superficies non consideradas, en xeral, dignas de contemplación”, pero tamén a creativas actuais como Karin Saner, Walead Beshtin o Eltono. 

Ignacio Pérez-Jofre séntese interesado, nesta ocasión, por poñer o foco “nun elemento pobre, sucio e inadvertido como o chan”. Trátase, segundo as súas palabras, do soporte do percorrido cotián dos transeúntes na rúa, pero tamén dun elemento “que reflicte diferentes momentos e estilos urbanísticos”. Pensa ademais que nas tramas xeométricas dos pavimentos “hai unha metáfora implícita”, xa que “teñen que ver coa organización e o sometemento á norma nas nosas sociedades”. 

Mestura de pintura, gravado e arte de acción

Coa intención de rexistrar os pavimentos vigueses, Jofre traballou coa técnica do frottage sobre papeis de 200 x 150 cm. Despois de escoller as baldosas sobre as que situou as follas de papel, o artista fretou a superficie coas solas das botas cargadas de barro, ata que o relevo da beirarrúa quedou marcado. Co propósito de acentuar o vínculo entre imaxe e lugar específico, a terra utilizada por Jofre como pigmento foi recollida en descampados ou xardineiras próximas ao espazo onde realizou as obras.  

O proceso de creación das pinturas que compoñen No chan, definidas polo profesor da Facultade de Belas Artes como “transferencias directas” ou pegadas afastadas da mímese, ten tamén algo de performance, xa que implica o corpo, a pisada, o propio acto de camiñar e o efecto de quen “camiña por un camiño cheo de lama e quere limpar as súas solas”. De feito, o docente sinala que nesta serie “entra en xogo o táctil, non só o visual: a matriz, que é o pavimento, tradúcese á superficie do papel por presión, incidindo sobre ela polo seu relevo”. 

Poñer a mirada na terra

Jofre subliña tamén o contraste que hai nestas pinturas entre as estruturas xeométricas das baldosas artificiais, deseñadas e construídas polo home, e o barro que as rexistra. “Aínda que todo vén da terra”, asegura, “a obra refírese á oposición entre o humano, a cultura ou a civilización, por un lado, e a natureza, o mundo no seu conxunto, por outro”.  

De todo o proceso creativo, o artista subliña este uso da terra como pigmento, material co que pretende “que o espectador dirixa a súa atención á terra, con tódalas implicacións que isto ten”. Afirma que, aínda que xa realizou anteriormente varias series nas que empregaba este elemento, “no contexto actual de cambio climático e alteración do ecosistema, este tipo de proxectos adquire un significado especial”. 

Reapertura das salas de exposicións

Trala entrada en vigor das novas medidas anunciadas pola Xunta de Galicia, que permitiron este mércores a reapertura de museos e salas expositivas, a Fundación Laxeiro abrirá este venres ao público No chan. Aínda que non haberá acto de inauguración polas restricións sanitarias, Ignacio Pérez-Jofre e Javier Pérez Buján, comisario da mostra, recibirán ás persoas asistentes, que deberán acceder á sala en grupos de catro. 

A exposición pode visitarse na Fundación ata o vindeiro 2 de maio en horario de 18 a 21 h. Os profesionais do sector artístico poderán acceder á mostra tamén polas mañás, de 9 a 14 h, pedindo cita no teléfono 986438475 ou no correo fundacion@laxeiro.org