A mostra fotográfica ‘Mergullados no Lérez’ exhíbese na planta baixa da escola
Unha exposición na EE Forestal permite achegarse á biodiversidade subacuática do Lérez
Reúne imaxes realizadas polo documentalista e fotógrafo submarino Jorge J. Candán
Preto de 40 fotografías do documentalista e fotógrafo submarino Jorge J. Candán integran a exposición Mergullados no Lérez, que pode visitarse na planta baixa da Escola de Enxeñaría Forestal. O obxectivo desta mostra é dar a coñecer “un ecosistema pouco visible para a maioría da cidadanía”, como recolle o seu texto de presentación.
A exposición é resultado do traballo desenvolvido por Candán, un profesional vinculado á divulgación ambiental e á produción de documentais subacuáticos, que colaborou con publicacións como National Geographic ou GEO. Gañador do Campionato do Mundo de Vídeo Submarino en 2019, este produtor e fotógrafo foi recoñecido con numerosos premios ao longo da súa traxectoria e no ano 2019 foi homenaxeado na Semana de Cine Submarino da Universidade de Vigo.
Como recolle o texto de presentación desta mostra, Mergullados no Lérez foi o primeiro documental dedicado ao Lérez filmado integramente baixo a auga. Aquel proxecto complementábase cunha exposición fotográfica, que o Concello levou a diferentes centros educativos. Anos despois, a EE Forestal recupera unha exposición “que decidimos converter en permanente, para que todo o mundo poida vela”, salienta a súa directora, Ángeles Cancela, que destaca a “calidade das imaxes”, así como o feito de que “a súa temática está directamente relacionada coa información que se imparte na escola”.
“Un ecosistema pouco visible”
O proxecto que deu lugar a esta mostra “naceu coa intención de dar a coñecer un ecosistema pouco visible para a maioría da cidadanía”, permitindo “descubrir aspectos da vida acuática habitualmente ocultos”, como a reprodución das lampreas ou o comportamento das anguías. As imaxes de Candán mostran tamén salmóns, troitas, sollas, ou escalos, o peixe máis abundante no Lérez; mais tamén cangrexos ou mexillóns de río. Do mesmo xeito, a mostra permite observar pintafontes, ras, esponxas de río, larvas de libeliña e diferentes insectos acuáticos, xunto con imaxes de plantas acuáticas e do propio bosque de ribeira. Nese senso, este conxunto de imaxes busca pór en valor “a riqueza natural que se agocha” baixo a superficie do Lérez e promover unha reflexión “sobre a importancia da conservación dos ecosistemas fluviais galegos”, engade o seu texto de presentación.
