DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode visitarse na entrada da Biblioteca Rosalía de Castro

A exposición 'Elas Crean' visibiliza no campus a 15 mulleres referentes en diferentes ámbitos creativos

A iniciativa chega a Ourense tras exporse en diferentes facultades de Pontevedra

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Ourense 03/06/2026

Desde o pasado 25 de maio e ata o 19 de xuño, a Biblioteca Rosalía de Castro do campus de Ourense acolle a exposición Elas Crean co obxectivo de achegar á comunidade universitaria e público en xeral a traxectoria de 15 mulleres referentes en diferentes ámbitos creativos. Nela, dáse visibilidade a unha escolma de destacadas artistas plásticas, fotógrafas, cineastas e deseñadoras. 

A iniciativa está promovida polo Campus Crea, o proxecto de especialización do campus de Pontevedra, contando con financiamento da Unidade de Igualdade da UVigo e co apoio no seu paso por Ourense da Vicerreitoría deste campus e da biblioteca que a acolle. Coordinada por Fernández Souto, Beatriz Collazo e Alberte Román, a exposición percorreu ao longo deste curso académico diferentes facultades do campus de Pontevedra e chega agora a Ourense. 

De Ana Soler a Carmen Arias

Entre as mulleres seleccionadas para esta mostra atópanse artistas como Ana Soler ou Mar Caldas, profesoras da Facultade de Belas Artes da UVigo, xunto a figuras como Maruja Mallo, considerada unha das maiores expoñentes do cubismo e o surrealismo en España; a escultora e ceramista Elena Colmeiro; a premio nacional de artes plásticas Ángela de la Cruz ou Pamen Pereira. No eido do audiovisual, a exposición pon en valor as traxectorias da catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, escritora e cineasta Margarita Ledo; a directora, guionista, produtora e actriz Sonia Méndez e a cineasta Jaione Camborda, que en 2023 lograba a Cuncha de Ouro do Festival de San Sebastián coa súa película O Corno

No ámbito da fotografía, a exposición afonda na traxectoria de Cándida Filomena Otero, pioneira pontevedresa da fotografía profesional; da artista visual e fotógrafa Eva Díez e de Lúa Ribeira, primeira galega en traballar para a axencia Magnum. Por último, no eido do deseño, Elas Crean salienta a traxectoria da deseñadora gráfica Uqui Permui, das fundadoras do premiado estudio de deseño Yarza Twins, Eva e Marta Yarza, e da debuxante e acuarelista Carmen Arias, que foi responsable da liña de xoias de porcelana de Sargadelos. 

Campus Crea

A exposición tamén é unha oportunidade para achegarse ao proxecto de especialización do campus de Pontevedra Campus Crea, que ten como obxectivo achegar maior singularidade e especialización a ese campus da Universidade de Vigo, dotando dunha identidade propia as diferentes áreas de coñecemento que existen nel vinculadas coa creatividade: arte, deseño, comunicación e educación.