DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Centro Galego de Arte Contemporáneo

A exposición “Ficcións analóxicas” repasa a videocreación galega entre 1984 e 1994

Froito do traballo do grupo de investigación "DX7 Tracker" da Facultade de Belas Artes

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 10/01/2008

A década que vai de 1984 a 1994 foi a que viu aparecer algunhas linguaxes novas asociadas a soportes tan do momento como o audiovisual. Facer un reconto da videocreación galega nestes anos é, precisamente, o obxectivo da exposición Ficcións analóxicas. O vídeo na Galicia dos oitenta que se presenta no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC).
Unha referencia obrigada á hora de elaborar esta mostra, froito do equipo de investigación DX7 Tracker da Facultade de Belas Artes e comisariada polo profesor Fernando Suárez Cabeza, foi o artigo de Manuel González Videocreación en Galicia, un iceberg sen base publicado no catálogo do Festival de Tolosa en 1989. Aceptando o desafío, propuxéronse escarvar na base daquel iceberg, revisando as propostas, os traballos, os artistas e os axentes dun proxecto que xurdiu en Galicia hai xa máis de vinte anos e que se expandiu con gran forza polo resto do Estado ata alcanzar unha proxección internacional inédita.
A exposición, que permanecerá ata o 27 de abril nas instalacións do CGAC en Santiago de Compostela, evidencia que aquela xeración que emerxeu co vídeo continúa en activo no audiovisual galego. De feito, case todos os nomes daquela primeira fornada de creadores permanecen ligados ao traballo audiovisual aínda que desde disciplinas diferentes.

De 1984 a 1994

O marco temporal de Ficcións Analóxicas é o período comprendido entre 1984, coa produción dos primeiros traballos de videocreación realizados en Galicia, e o ano 1994. Segundo o comisario da mostra, Fernando Suárez, “a elección deste ano como data de corte débese a que en 1995 xa se poden atopar as obras producidas por unha segunda xeración que irrompe no panorama da arte en Galicia cunha formación diferente e formulacións artísticas novas”.
A exposición está composta polas producións dun grupo reducido de autores que contribuíron, dentro deste marco temporal, a asentar as temáticas, problemáticas e xeitos de facer que marcaron as liñas de traballo máis significativas dese período. Todos eles principiaron a súa actividade a mediados dos oitenta, coincidindo coa chegada a Galicia dos primeiros equipos, e compartían a necesidade de ensanchar os límites do medio, pero tamén os dos seus respectivos campos de orixe (a plástica, a fotografía, a poesía e o cine), cunha clara vocación experimental. Chama a atención a calidade destas producións tendo en conta a precariedade de medios de produción e difusión característicos da época.

Os autores dos oitenta

A mostra iniciará o seu percorrido coas primeiras obras, aínda en formato súper 8 de Manuel Ramón e Xulio Correa, pezas que sinalan unha intención artística que se faría máis común grazas ás facilidades técnicas que ofrecería o vídeo. A partir do 85, a exposición repasará algunhas das obras fundamentais, como é o caso de Veneno Puro, de Xavier Villaverde, que é entendida como paradigma do momento. Esta peza abriu unha difusión internacional xunto con Denantes, de Manuel Abad, á que se foron incorporando traballos marcados pola súa orixe, desde a manipulación técnica do soporte das pezas de Ignacio Pardo ata a incorporación da palabra en obras tan sinaladas como Salvamento e Socorrismo, de Antón Reixa.
Ademais tamén se poderán contemplar as producións de José Búa, Antón Caeiro, Vari Caramés, Luis Bericua, Eloy Lozano, Antón Mouzo, J. Demetrio Rodríguez e Antonio Segade.