DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus únese á conmemoración do Día das Letras Galegas 2022

Unha exposición homenaxea “a Galicia infinda” de Florencio Delgado Gurriarán

Alumnado de Educación tamén se achegou á poesía deste autor a través de tecnoloxías educativas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Lingua Galega
  • Cultura
DUVI Ourense 16/05/2022

Un ano máis o campus de Ourense únese á celebración do Día das Letras Galegas con diversos actos. A Biblioteca Rosalía de Castro acolle desde este venres a exposición multimedia A Galicia Infinda de Florencio Delgado Gurriarán, producida por Arraianos Producións. Igualmente, alumnado da Facultade de Educación e Traballo Social tamén se achegou á poesía do homenaxeado a través de tecnoloxías educativas.  

Imaxes, texto e vídeos

Coa exposición A Galicia Infinda de Florencio Delgado Gurriarán, comenta Esther de Blas, vicerreitora en funcións do campus de Ourense, “queremos sumarnos á conmemoración deste Día das Letras Galegas e facémolo cunha mostra na que se amosa o sentimento que este valdeorrés, que este ourensán, tiña pola nosa lingua e a saudade que levou no seu camiño no exilio”. Trátase, explica Aser Álvarez, comisario da mostra, “dunha pequena exposición na que facemos un percorrido pola vida e a obra de Florencio Delgado Gurriarán. Un percorrido non só con fotografías e texto senón tamén complementado por algo moi valioso como son declaracións da súa familia”.

Cada panel, ademais de imaxes e texto, conta cun código QR a través do cal as e os espectadores poden descargar unha serie de vídeos breves onde se escoita falar a netas e netos, fillas e fillos de Florencio Delgado expor “lembranzas moi bonitas” do homenaxeado. “É un material moi valioso porque ves como a memoria de Florencio segue viva na súa estirpe, como se trasladou esa memoria familiar”, comenta o comisario. Entre os audios recollidos, Aser Álvarez destaca un inédito de Delgado Gurriarán cantando e tocando a percusión. “A el encantáballe cantar, era un gran percusionista, un gran bailador”, sinala. Neste senso, o comisario da mostra subliña do homenaxeado e da súa xeración “o seu sentido vitalista, de gozar das pequenas cousas da vida”. “Temos moito que aprender desta xeración que o pasou tan mal pero que ao mesmo tempo foron quen de manter un compromiso político inquebrantable e esa ledicia de vivir ao longo da súa vida”, afirma.  

A mostra vai percorrendo en imaxes e texto a traxectoria persoal e profesional do homenaxeado neste ano das Días das Letras Galegas, desde o seu nacemento en 1903 en Córgomo, no concello ourensán de Vilamartín de Valdeorras, ata o seu falecemento en Fair Oaks, Estados Unidos, en 1987. Nese camiñar, detense na súa infancia e xuventude como “membro dunha familia burguesa e comerciante, o que lle asegurou poder acceder a unha formación académica e cultural reservada a só uns poucos” nese momento. Tamén se aproxima ao seu retorno a Galicia tras pasar uns anos en Castela, debido a un traslado laboral do seu pai, e como o homenaxeado “se fai un habitual das festas e verbenas, chegando a converterse nunha eminencia local dada a súa capacidade como organizador, percusionista e cantante”. A exposición tamén recolle como o golpe de estado de 1936 fai que Florencio Delgado se vexa obrigado a fuxir de Valdeorras cara Valladolid, onde estudara a carreira de Dereito, e o seu camiño ao exilio ata chegar a México, onde participa activamente nas primeiras manifestacións de galeguidade no exilio. Non faltan na mostra apuntes aos últimos anos do homenaxeado e á súa produción literaria.

Tecnoloxías educativas para achegarse á poesía de Florencio

Por outra banda, alumnado de cuarto curso de Educación Primaria, na materia de Literatura Infantil e Xuvenil, tivo a oportunidade de coñecer unha parte do legado do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas a través da experimentación con diferentes ferramentas en liña e de robótica educativa con perspectiva inclusiva. Para iso partiuse do álbum ilustrado de lectura fácil Un legado infindo (Galaxia, 2022), no que Lucía Gómez Álvarez ofrece en pictogramas unha breve aproximación á vida do autor e reproduce o poema Galicia é infinda. As e os estudantes enfrontáronse ao reto de darlle sentido ás diferentes estrofas do poema diseminadas por un taboleiro por medio da programación do itinerario dun escornabot.

Co poema recomposto, as e os estudantes elixiron unha das estrofas a partir da que gravaron un vídeo no exterior do campus. Nel procederon ao recitado, mais tamén a verbalizar o que os versos do autor lles transmitían en dúas das linguas dos países vinculados coa biografía do homenaxeado. Os vídeos pasaron logo a formar parte dun mapamundi virtual, realizado coa ferramenta Genially, para visualizar o periplo vital de Delgado Gurriarán durante o exilio. “Con esta acción quíxose promover unha aproximación á figura do homenaxeado no Día das Letras Galegas, facer un tratamento integrado de linguas, fomentar unha perspectiva inclusiva e poñer en valor o potencial da poesía como medio para a reflexión sobre a igualdade de oportunidades e a innovación docente”, comenta Isabel Mociño, profesora da materia.