DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O autor, Jesús Jiménez fai nela unha reflexión sobre a alimentación

A exposición “Income/outcome” despide a programación de Alterarte por este curso

Permanecerá na sala ata o vindeiro 31 de xullo

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Marta Casanova DUVI 24/06/2008

A alimentación mediante a inxesta de comida e como esta se transforma en enerxía para ser queimada posteriormente, centra a derradeira exposición coa que a sala Alterarte pon punto e final á súa programación por este curso. Income/outcome, é unha mostra heteroxénea de materiais na que o seu autor, o mexicano afincado en Londres Jesús Jiménez, mestura o vídeo coa fotografía e a proxección de diapositivas ao redor dun tema común: a necesidade primaria de inxerir alimentos.
A idea xurdiu como resposta a un tema de moda. “Continuamente se fala do prezo dos alimentos, da súa mala distribución e da crise que esta a sufrir o sector en determinados puntos do mundo” explicou Ignacio García, comisario da exposición e coordinador do proxecto Alterarte. O discurso do autor foi xerado por esa preocupación, reflectida no propio título que vén dicir algo así como ingreso e resultado. Na exposición podemos atopar, a modo de historia circular, como o ser humano necesita nutrirse doutros seres vivos para sobrevivir, e como esa carencia orixinaria convértese no centro de toda a exhibición, dende o xeito de abordar a comida ata o propio acto de comer, ata chegar ao resultado, que é a actividade que reclama un determinado número de calorías, para empezar de novo a intentar suplir esa necesidade vital.

Fotografía, diapositivas e vídeo

A través da serie de fotografía Vanitas, o autor amosa unhas 120 imaxes de pratos con restos de comida nunha especie de diario visual de diferentes días e tipos de alimentos, no que grazas a planos cenitais, emprega o prato como lenzo e crea formas e texturas cos alimentos que se van deixando sen inxerir. Parte desas fotografías son proxectadas de xeito horizontal nun taboleiro que fai ás veces de mesa para simular o realismo dunha imaxe cotiá de calquera comida.
Jesús Jiménez presenta ademais, outra serie de fotografías de gran formato que representan círculos na herba, resultado da queima de calorías e denominados Rastros de enerxía. “Foi o propio autor o que os realizou correndo ao redor dun punto no céspede e lles asignou a cada unha o título do número de calorías necesarias para facelo” explicou Ignacio García. Así, a mostra se abre co primeiro Rastro de enerxía. 621 calorías.
Por último, as paredes da sala de exposicións acollen tamén a proxección de dúas curtametraxes rodadas en bucle. Por unha banda, Pan e peixes, unha obra moi sutil que amosa unha oblea flotando na auga e como os peixes se van achegando para comela. “Parece que se multiplican, o que supón unha alusión bíblica e á vez, unha reflexión sobre a situación dos alimentos no mundo” comentou o coordinador de Alterarte. O segundo vídeo, Cazando paxaros presenta ao propio autor intentando cazar corvos, correndo ao redor deles, “representando a importante queima de enerxía que supón perseguir a unha presa, o esforzo físico do exercicio faise patente pola presenza do son da respiración” apuntou García. Grazas a estes tres elementos artísticos, Jesús Jiménez consegue darlle unha dimensión de compromiso social á última exposición da tempada do proxecto Alterarte, que traerá máis novidades en setembro.