DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Recompila imaxes e textos antigos dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo

A exposición itinerante ‘No Camiño’ fai parada no campus

Pode verse esta semana na entrada do Edificio de Ferro

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 26/10/2022

A exposición No Camiño, unha iniciativa do Colectivo Cultural Egeria no marco do seu proxecto Máis aló do Camiño, fai parada esta semana no campus de Ourense. A mostra, que leva por título As imaxes que viron os peregrinos, recompila imaxes antigas dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo, ademais de textos literarios "relacionados con eses anacos da historia do Camiño, hoxe perdidos na súa maior parte”.

O proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia de Turismo de Galicia e coa colaboración de GaliciaDigital e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá. O comisario da mostra é o responsable de fotografía deste grupo lucense e fotógrafo Eduardo Rodríguez Ochoa e o responsable da acción o presidente do colectivo Egeria e do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz. 

Señores do Camiño

“Son Señores da Luz os que, aínda agora pero especialmente en tempos difíciles en recursos e tecnoloxía, captaban coas súas cámaras instantes de vida, deixando permanente constancia dunha presenza ou dun feito. Son Señores da Palabra os que (en poesía ou en prosa) fabularon ou deixaron constancia de feitos acontecidos, situacións, persoas… dos mesmos lugares onde se fixeron as históricas fotos. E xa que imaxes e textos se centran nos Camiños de Santiago existentes nas terras lucenses, chamámoslle a esta acción No Camiño, para poñer de actualidade e en valor ese conxunto de obras que compre rescatar do esquecemento”, explican desde o Colectivo Egeria.

A exposición, que está situada na entrada do Edificio de Ferro, está formada por dez paneis impresos por ambos lados que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos. As imaxes da mostra, sinalan desde a súa organización, son perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas e o seu testemuño “resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador”. 

Antes da súa chegada a Ourense, a mostra estivo en localidades como Chantada, Pobra do Brollón, O Incio e Melide. “Con este proxecto-homenaxe  a coñecidos ou anónimos históricos Señores da Luz e da Palabra, Señores do Camiño en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, queremos divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador”, indican os responsables da iniciativa.

Esta colaboración entre o Colectivo Cultural Egeria e o campus de Ourense dá continuidade a outras anteriores entre as dúas entidades, xa que as instalacións universitarias acolleron as mostras elaboradoras por este colectivo co gallo do Día das Letras Galegas dedicados a Xela Arias e a Ricardo Carbalho Calero.