DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os artistas son licenciados da Facultade de Belas Artes

A exposición itinerante “OITO_ARTISTAS.GAL” botou a andar. Primeira parada: León

Os próximos destinos serán Girona, Madrid, Porto e Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Ana Terceiro DUVI 08/04/2008

Coa intención de dar a coñecer por toda España os traballos que se están realizando dentro das aulas da Facultade de Belas Artes, a principal aposta da Vicerreitoría do campus de Pontevedra para esta temporada é a organización da exposición itinerante OITO_ARTISTAS.GAL que hoxe, 8 de abril, comeza a súa andaina. Trátase da continuación da iniciativa que xa se fixera o ano pasado con Lancôme con Grelos, pero a novidade agora é que os traballos dos novos artistas levaranse a cinco cidades de España e Portugal. A primeira parada é na sala de exposicións da Universidade de León, ata onde se trasladaron o vicerreitor do campus, Jesús Hernández, o comisario da mostra, José Manuel Buxán e o decano da Facultade de Belas Artes, Ignacio Barcia, para facer a inauguración oficial.
El Carme de l’Ajuntament de Girona, o Centro de Arte Novo da Comunidade de Madrid, Máus Hábitos de Porto e a Sala X de Pontevedra serán as outras sedes desta mostra que permite aos novos licenciados sacar os seus proxectos artísticos ao exterior para, deste xeito, facerse un oco no eido da arte do noso país.
Con esta iniciativa a Vicerreitoría do campus quere dar a coñecer o pulo creativo, a forza e o interese da creación galega que se produce na Facultade de Belas Artes, dando aos alumnos a oportunidade de presentarse en novos espazos. En palabras do coordinador da Sala X, José Manuel Buxán, “trátase de que a nova arte nada en Pontevedra actúe de embaixadora cultural de Galicia” ao que engadiu que ”desta volta fíxose un gran esforzo orzamentario e organizativo para poder levar esta exposición a dúas cidades españolas máis e unha portuguesa, ata completar un total de cinco sedes expositivas”.

Unha mesma orixe, temáticas diferentes

Os creadores da exposición son catro mozas e catro mozos, todos eles estudantes da Facultade de Belas Artes e nados de Galicia, de aí o nome OITO_ARTISTAS.GAL facendo referencia a esa orixe en común. Ignacio García Gómez del Valle, Jorge Migoya, María Blanco, Nuria Ruibal, Pablo Sande, Sonia Tourón, Tamara Feijoo e Víctor Hugo Costas son os protagonistas deste proxecto que reúne un amplo abano de ideoloxías artísticas. Sen que exista unha temática común a todas as obras, o público atoparase con todo tipo de formatos: vídeo, debuxo, escultura, fotografía, gravado, audiovisual ou estilo libre.