DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora Ana Acuña comisaría este proxecto xunto ao académico Alfonso Vázquez Monxardín

A exposición máis ambiciosa sobre a Xeración Nós reunirá máis de 300 pezas procedentes de diferentes países

Presentarase en outubro na Cidade da Cultura

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Divulgación
  • Deportes
DUVI Pontevedra 19/06/2020

Máis de 300 pezas, achegadas por medio cento de institucións e coleccionistas, conformarán a exposición Galicia, de Nós a nós, que aspira a ser a mostra máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós, segundo salienta a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia. A profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Ana Acuña e o investigador e académico da Real Academia Galega Alfonso Vázquez Monxardín son os comisarios desta mostra que poderá contemplarse entre outubro e xaneiro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, despois que a súa inauguración, prevista para esta primavera, tivese que ser adiada pola crise sanitaria xerada pola covid-19.

Acuña e Vázquez Monxardín participaron esta semana nunha reunión de traballo co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, e a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Nela presentouse a imaxe gráfica, realizada por Álvaro Valiño, dunha exposición promovida polo Goberno galego ao abeiro do Xacobeo 21 e organizada en colaboración coa Deputación de Ourense, que busca destacar o legado de intelectuais como Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Florentino Cuevillas, e a súa contribución,  sinala a Consellería, “ao desenvolvemento renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega".

Cesións de máis de 50 entidades

A exposición que conmemora o centenario da revista Nós traerá a Galicia obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, “que porán o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega”, salientou a Consellería. Un total de 51 institucións, 45 delas galegas, e oito coleccionistas particulares achegarán pezas á mostra. Entre elas, as tres universidades galegas, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, o Museo de Pontevedra, o Museo Provincial e Arqueolóxico de Ourense, o Parlamento de Galicia e as fundacións Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Losada Diéguez e Penzol.

Trala súa estadía no Museo Centro Gaiás, entre o 2 de outubro e o 17 de xaneiro, Galicia, de Nós a nós exhibirase posteriormente no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, entre febreiro e abril do vindeiro ano, e no Museo Provincial de Pontevedra, entre maio e xullo.