Composta por obras do artista Mohammed Al-Haj
A exposición ‘Mapa de evacuación de Gaza’ amosa no campus a dor e a resiliencia do pobo palestino
Pode visitarse no Paseo da Igualdade ata o 30 de novembro
A exposición Mapa de evacuación de Gaza, do artista palestino Mohammed Al-Haj, chega ao campus de Ourense co obxectivo de visibilizar o impacto que teñen os continuos desprazamentos vividos polo pobo palestino e a súa resilencia. A mostra pode visitarse no Paseo da Igualdade, ao carón do estanque universitario, ata o 30 de novembro.
Cores expresivas e retratos emotivos
O museo de Palestina nos EEUU e Edimburgo cedeu ao campus de Ourense os arquivos dixitais das pezas, que foron impresos sobre lonas que agora poden verse instaladas en módulos metálicos no citado paseo universitario. A iniciativa, que conta co apoio da Deputación Provincial de Ourense e a asociación cultural Radio Liverdade, foi inaugurada este mércores pola tarde-noite por Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e Alfonso Cid, de Radio Liverdade, contando coa actuación do coro infantil do campus de Ourense.
Mapa de evacuación de Gaza, explican desde a súa organización, está composta por unha vintena de obras, pinturas e debuxos, agrupadas en tres series distintas. Foron creadas por Mohammed Al-Haj na propia franxa de Gaza, onde aínda segue vivindo. A colección deste artista, engaden, “amosa con claridade o impacto humano do desprazamento repetido debido aos mapas de evacuación en Gaza”. A través de cores expresivas e retratos emotivos, Al-Haj capta o medo, o terror, a ansiedade e a tensión que acompañan as evacuacións forzadas, reflexionando sobre o custo emocional tanto para as persoas desprazadas coma para a sociedade palestina no seu conxunto.
A exposición “explora a historia do desprazamento en Palestina, establecendo paralelismos entre o pasado e o presente, e convida o público a reflexionar sobre a resiliencia do pobo palestino en medio do conflito continuo. As obras de Al-Haj formulan a pregunta: queda aínda esperanza de vida no que resta de Gaza?”.
Sobre o artista
Mohammed Al-Haj é un artista visual palestino de Gaza, nado en 1982. A súa familia foi desprazada da súa aldea, Kawkaba, durante a limpeza étnica de 1948. A súa obra explora a relación entre as persoas e a terra, cuestionando o destino do pobo palestino desprazado desde a Nakba de 1948. Na súa arte incorpora símbolos como o kufiya (keffiyeh) e elementos do folclore palestino para tratar temas de exilio e identidade nacional. Actualmente, desprazado e residente no campo de refuxiados de Nuseirat, Al-Haj acadou un amplo recoñecemento, consolidando a súa posición como unha voz destacada na escena artística gazatí.
Al-Haj participou na 59ª Bienal de Venecia en 2022 e foi convidado á exposición Foreigners in Their Homelanden 2024, porén a obra que propuxera foi destruída nun bombardeo. Como consecuencia, a exposición presentou imaxes das pezas perdidas. A pesar diso, continúa creando arte, incluído o seu proxecto máis recente, Abu Keffiyeh (2025), onde reflexiona sobre a fragmentación e a identidade do pobo palestino en Gaza.
