DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A mostra, coa colaboración da UVigo, poderá visitarse en Redeiras entre o 4 e o 26 de marzo

Unha exposición e unha mesa redonda para achegar á cidadanía a esquerda heterodoxa galega na Segunda República

Con especial atención ao POUM co gallo do seu 90 aniversario

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Feiras e exposicións
  • Cultura
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 02/03/2026

“Esta exposición pretende reunir unha pequena pero significativa historia de militantes da esquerda heterodoxa galega, aos que podemos cualificar con razón como dobremente esquecidos Sufriron a represión franquista como militantes de esquerdas, moitos deles pagándoa coas súas vidas e, ao mesmo tempo, o estalinismo foi tan cruel como, ou incluso máis que os primeiros; ademais do encarceramento ou asasinato, sufriron unha campaña de calumnias acusándoos de ser axentes de Hitler”. Así explica Jacobo Bermejo, membro da Fundación Andreu Nin e comisario da mostra A esquerda heterodoxa galega na Segunda República. 90 aniversario da fundación do POUM, o que as persoas que a visiten atoparán entre o 4 de o 26 de marzo no Edificio Redeiras da UVigo.

Organizada polas fundacións Eugenio Granell, Andreu Nin e 10 de Marzo, coa colaboración da Vicerreitoría de Extensión Universitaria da UVigo, a exposición está integrada por unha decena de paneis explicativos, a través dos que, e baseándose na obra de Dionisio Pereira, “buscamos rescatar do esquecemento un grupo de militantes experimentados que foron os que alzaron a voz contra o poder do todo poderoso Stalin, ao tempo que ofrecen un modelo para un partido socialista democrático”, explica Bermejo.

Dar a coñecer como se formou o POUM

A mostra chega a Vigo logo de visitar outros puntos de Galicia, meses despois de cumprirse o 90 aniversario da fundación do Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM), unha efeméride que os organizadores da mostra queren aproveitar para dar a coñecer como se formou este partido e cal foi o seu legado político.

“Lonxe de ser historia pasada, os escritos dos seus principais líderes, Andreu Nin e Joaquín Maurin, seguen a ser publicados e estudados. O seu gran legado político foron, sen dúbida, as Alianzas Obreiras desenvolvidas durante o Bienio Negro da República, consolidando a unidade das forzas de esquerda contra os ventos fascistas que sopraban con forza naquel momento. Desafortunadamente, hoxe estes ventos volven soprar, como fixeron no pasado, substituíndo os xudeus por inmigrantes e calquera cousa que se poida parecer á diversidade”, lamenta Bermejo.

Considera o comisario da mostra que, aínda que o seu público obxectivo podería ser a xente interesada na memoria histórica e a política en xeral, “estaremos satisfeitos se esta exposición consegue sacar estes dous grandes temas do esquecemento e contribuír á reflexión sobre o significado do estalinismo e o desastre que a división polo fascismo trouxo a toda a esquerda europea”.

Unha mesa redonda o día da inauguración 

Previa á celebración dunha visita guiada á exposición, o 4 de marzo ás 19.00 horas, desenvolverase no edificio Redeiras unha mesa redonda na que participarán Dionisio Pereira, historiador; Enrique del Olmo, presidente da Fundación Andreu Nin; Victor Santidrian, membro da Fundación 10 de marzo; Jacobo Bermejo, comisario da exposición; e Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria. A continuación proxectarase un vídeo sobre a historia do POUM.