DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus uniuse un ano máis á conmemoración do 25 de novembro

Unha exposición e un minuto de silencio para reivindicar a eliminación da violencia contra as mulleres

O edificio de Ferro acolle unha exposición de Amnistía Internacional sobre esta loita

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Institucional
DUVI Ourense 25/11/2022

Un 25 de novembro máis, o campus de Ourense uniuse este venres á conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Os membros da comunidade universitaria estiveron chamados a gardar un minuto de silencio en reivindicación desta loita e en lembranza das súas vítimas. Entre as e os asistentes estiveron Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade da UVigo e responsables de diferentes centros. Ademais, o edificio de Ferro acolle a exposición de Amnistía Internacional sobre esta temática Mulleres en Loita.

A exposición, que pode visitarse ata finais de mes, preséntase como “un percorrido pola contaxiosa loita das mulleres que reivindican, desde distintos recantos do mundo, ter unha vida libre, sen discriminación nin violencia”. Segundo indican desde a súa organización, a mostra fala dos dereitos humanos das mulleres no mundo e das súas loitas, presentando diferentes situacións nas que se vulneran os seus dereitos. Para facelo recolle historias de mulleres, movementos de activistas e defensoras que pelexan por cambiar esa situación, con exemplos en varios países dos distintos continentes. Trátase, apuntan desde a organización, de “mulleres que, unidas nun mesmo berro, logran, imparables, avanzar cara a igualdade” e que ofrecen “inspiradoras historias de forza e coraxe construídas arredor da valentía, a natureza, a vivenda, a independencia, a violencia sexual e a seguridade”.

Seis abordaxes

A mostra consta de paneis con fotografías e textos nos que se tratan diversos temas. En Valentes amósase “como as defensoras de dereitos humanos enfróntanse á inxustiza e arriscan a súa liberdade e a súa vida por defender os dereitos das mulleres e de toda a súa comunidade”; en Gardiás da natureza trátase a defensa da terra, do clima e do medio ambiente e en Dereitos non hipotecados faise visible como as mulleres fan fronte aos recortes de dereitos económicos e sociais. No apartado Guerra ás mulleres denúnciase a violencia de xénero que sofren as mulleres nos conflitos armados; en Un lugar seguro onde vivir e traballar preséntase a situación das mulleres migrantes e refuxiadas e como se alían para saír adiante e en Sen pedir permiso visibilízase a revolta das mulleres para participar na vida pública. Por último, en É o meu corpo e só eu decido reflíctese a loita contra a violencia sexual e en Celebremos preséntase logros conseguidos recentemente no eido da loita pola igualdade e a non violencia.

Estas loitas visibilízanse en historias concretas de mulleres. Así, por exemplo, a exposición referencia as achegas de persoas como Nadia Murad, Premio Nobel da Paz en 2018 polo activismo contra a violencia sexual en tempos de guerra en Iraq; Loujain al-Hathloul, de Arabia Saudita, activista polos dereitos das mulleres e Patricia Gualinda, de Ecuador, na defensa da Amazonía e de denuncia da ameaza que supón actividades como a extracción mineira e a explotación forestal para o medio ambiente e as persoas.