DUVI

Diario da Universidade de Vigo

É unha das iniciativas do colectivo eXXperimenta en Feminino

A exposición 'Mulleres na Ciencia' fai parada no campus no seu percorrido por centros educativos galegos

Pode visitarse ata o 18 de maio no edificio Politécnico

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Ourense 03/05/2022

Desde principios deste curso académico, a mostra Mulleres na Ciencia, posta en marcha polo colectivo eXXperimenta en Feminino, composto por profesoras e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Facultade de Ciencias do campus de Ourense, está a percorrer centros educativos de toda Galicia. No seu itinerario, desde este luns e ata o 18 de maio poderá verse na entreplanta do Edificio Politécnico.  

Trátase dunha iniciativa que conta co patrocino da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, e que ten como obxectivo último espertar en rapazas e rapaces a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos no campo STEM. A iniciativa arrancou hai dous cursos académicos, aínda que a pandemia impediu o seu desenvolvemento con normalidade ata o pasado ano. Tras a súa parada no campus de Ourense, a exposición irá ao Colexio Los Sauces, de Vigo, e continuará o seu percorrido ata a primeira quincena de xuño, visitando en total este curso académico 17 centros educativos galegos.

A exposición, sinalan as súas promotoras, está sendo moi ben acollida polos centros, “que nos destacan nas súas valoracións que é moi interesante e que lles permite achegarse a científicas que non coñecían”. Tamén destacan o feito de que en moitos dos centros educativos participantes aproveitan a visita da mostra para facer actividades complementarias arredor dos seus contidos, como programas de radio ou xogos e conseguir así unha maior implicación do alumnado.

14 mulleres destacadas

A mostra está formada por 14 pósters de gran tamaño sobre mulleres cun destacado papel no eido STEM escollidas cada unha delas por un grupo de investigación que forma parte de eXXperimenta en Feminino. De cada protagonista, a exposición recolle información da súa traxectoria, de cales foron as súas achegas e dos premios ou recoñecementos que recibiu tanto en vida como posteriormente. Trátase, apuntan desde a organización, de “mulleres que, co seu traballo contribuíron a lograr melloras científicas ou técnicas moi relevantes para o mundo de hoxe e que foron escollidas como referentes ou modelos polas máis de 100 profesoras que participan en eXXperimenta en Feminino”.

A selección de mulleres da exposición abarca desde a investigación básica á aplicada, desde o ámbito galego ao internacional e desde a física á informática. Así, a través dos paneis expostos, o público pode coñecer desde a primeira muller galega (e española) en presentar unha tese no campo da astronomía ata a muller que deu o seu nome á linguaxe de programación ADA. Concretamente, a exposición ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral.

Como alternativa para as persoas que desexan ver os materiais pero non poden facelo de xeito presencial, o colectivo organizador tamén ten realizado unha versión virtual da exposición. Trátase de 14 vídeos curtos nos que investigadoras e profesoras de catro centros do campus de Ourense explican de xeito divulgativo a traxectoria e relevancia das 14 mulleres referentes no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías que forman parte da exposición eXXperimenta en Feminino. Igualmente, na páxina web do proxecto pódense ver os paneis que conforman a mostra.