DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os seus nove cubos están situados ao carón do edificio Xurídico-Empresarial

A exposición ‘Nós naceu en Ourense hai 100 anos’ fai parada no campus

Trátase dunha iniciativa do xornal La Región

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Cultura
DUVI Ourense 18/05/2021

No seu percorrido pola provincia e a cidade de Ourense, a exposición Nós naceu en Ourense hai 100 anos. 1920-2020, organizada polo xornal La Región, chega este mes ao campus. Os nove cubos que a conforman, e nos que se abrangue a vinculación da revista Nós con Ourense desde diferentes perspectivas, poden verse ata o 31 de maio nos xardíns universitarios, ao carón do edificio Xurídico-Empresarial e da estatua de homenaxe á Xeración Nós.

Na presentación da iniciativa, Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense, destacou que “é unha alegría poder recibir no noso campus esta exposición”, trasladando o seu agradecemento tanto á súa comisaria, a xornalista Maribel Outeiriño, como ao xornal La Región por “considerar facer unha parada no percorrido desta exposición no noso campus”. Pondo de relevo como a mostra está situada ao carón da escultura que no campus homenaxea á Xeración Nós, a vicerreitora sinalou que “é importante que tanto a nosa comunidade universitaria como a veciñanza na que estamos poidan ver esta exposición e achegarse ao seu sentir e ao impulso da cultura galega” que realizou a Xeración Nós a través da súa revista.

Vinculación con Ourense

Maribel Outeiriño explicou como a mostra, deseñada para estar na rúa, consta de nove cubos, cada un deles centrado nun tema diferente, co obxectivo de dar flexiblidade ao espectador á hora de achegarse aos seus contidos. “A revista Nós ten unha temática moi variada e moi rica”, afirmou a xornalista, e na mostra, apuntou, “nós limitámonos ao que significou un grupo de ourensáns nela”. Así, tal e como se pode ver nos materiais expostos, indicou, “a idea da revista é dun ourensán, de Losada Diéguez” e “don Vicente Risco é o que toma o temón da revista e a leva adiante durante os 15 primeiros números”, que se imprimen en Ourense na imprenta de La Región. Nesta vinculación con Ourense, a xornalista tamén lembrou dous libros editados pola Deputación sobre a Xeración Nós, concretamente La ilustración en la revista Nós, da catedrática emérita da Universidade de Vigo Maria Victoria Carballo-Calero, á que Maribel Outeiriño agradeceu a súa colaboración na exposición, e outro libro sobre a correspondencia entre Vicente Risco e Losada Diéguez.

Outra achega “ourensá” á revista Nós que se trata na mostra e que foi abordada pola súa comisaria na presentación, é a publicidade. Neste senso, Maribel Outeiriño indicou que nos 15 primeiros números da revista a publicidade é case exclusivamente de comerciantes e empresarios ourensáns. Igualmente, a xornalista lembrou como outro dos temas expostos na mostra é a colaboración de Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo e Florentino López Cuevillas con La Región. Esta colaboración, dixo Maribel Outeiriño, “foi moi importante”, xa que, indicou, “eles tres son autores de multitude, centos de artigos” publicados neste xornal. Por este motivo, subliñou, “en certo modo La Región estaba obrigada a celebrar estes cen anos, por esa unión que houbo sempre”.

O deseño gráfico de Nós naceu en Ourense hai 100 anos. 1920-2020, que ten como entidades patrocinadoras á Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia e Coren, é da autoría de Xurxo Baca, mentres que Alberte Paz encargouse do tratamento das fotografías.