A mostra poderá verse na sala O Abrigo ata o 24 de outubro
Unha exposición percorre en Belas Artes os 20 anos de historia da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración
Reúne as creacións de 63 autores e autoras
Belas Artes centra este venres a actividade do 22 Encontro Galego de Ilustración, que desde o pasado luns se desenvolve en diferentes puntos de Pontevedra e que a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) presenta como un “espazo de aprendizaxe, inspiración e celebración” que reúne anualmente profesionais, estudantes e afeccionados á ilustración. No marco desta programación, a sala O Abrigo acolle deste este venres a exposición coa que AGPI rememora as súas dúas décadas de traxectoria, reunindo ás creacións de 63 autores e autoras membros desta asociación.
A mostra XX anos de AGPI poderá visitarse ata o 24 de outubro e reúne un conxunto de obras de ilustradores e ilustradoras de diferentes xeracións, desde Siro ou Manel Cráneo, ata novos autores e autoras, varios deles egresados da facultade pontevedresa. Desenvolvida para a anterior edición deste encontro, celebrada en Lugo, desde a asociación presentan esta exposición como “un exemplo e celebración grupal da calidade e heteroxeneidade, non só da asociación senón tamén de ilustración en Galicia, xerando así un diálogo entre as diferentes xeracións de profesionais do sector”, segundo sinala a presidenta de AGPI, Laura Romero, no seu texto de presentación. Nel sinala tamén que, con frecuencia, asóciase a profesión de ilustrador ou ilustradora a un “medio de vida cheo de cor, creatividade e diversións”, recoñecendo que “a ilustración vai a miúdo da man destes conceptos tan positivos”, mais tamén que trae consigo outros “como precariedade e illamento”. Romero participa esta tarde, xunto ao vicedecano de Cultura, Ignacio Pérez-Jofre, na inauguración desta exposición, completada cunha actuación de Zeltia Irevire.
Previamente, Belas Artes acolle tamén este venres outras dúas actividades inseridas neste Encontro Galego de Ilustración. En primeiro termo, o faladoiro Estudié ilustración ¿Y ahora qué?, a cargo da escritora e ilustradora Ío Bru. Fundadora de Ilustrando Dudas, unha plataforma virtual dedicada a dar información, formación e asesoramento e ilustradoras, esta profesional responsabilízase tamén dunha sesión de revisión de portfolios.
Novo curso no Abrigo
Creada en 2023 no espazo que ocupaba a antiga cafetaría da facultade, despois de que as convocatorias para a adxudicación deste servizo quedasen desertas, O Abrigo inicia nestas semanas a súa programación deste curso 2025/2026, na que estará coordinada polo colectivo Luscofusco, integrado polos estudantes Pablo Martínez, Dana Latorraca, Andrea Barreiro e Neithan González, xunto co Vicedecanato de Cultura. Esta mostra de AGPI constitúe de feito a segunda iniciativa impulsada no presente curso neste espazo, que previamente acolleu, entre o 1 o 8 de outubro, a mostra The First Pit Stop for artists, unha pequena mostra “de memorias e arquivos de traballos de fin de grao”, que se presentaban tanto nun formato físico como dixital.
