DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O profesor de Belas Artes Manuel Sendón é un dos comisarios da mostra dedicada a José Suárez

Unha exposición percorre a traxectoria vital do “fotógrafo máis internacional de Galicia”

Poderá verse no Museo de Pontevedra ata o 18 de abril

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
DUVI Pontevedra 02/03/2021

Preto de 150 fotografías, que José Suárez realizou ao longo de máis de catro décadas, tanto en Galicia, como en diferentes puntos da xeografía española e europea, na Arxentina ou no Xapón, reúnense na exposición antolóxica que o Museo de Pontevedra dedica a este fotógrafo natural de Allariz. O profesor da Facultade de Belas Artes Manuel Sendón é, xunto a Xosé Luis Suárez Canal, o comisario dunha mostra que se insire no traballo que desde hai décadas veñen desenvolvendo co propósito de afondar e divulgar o traballo do que o director do museo, Xosé Manuel Rey, definiu como o “fotógrafo máis internacional” de Galicia.

“José Suárez é un fotógrafo distinto ao resto dos fotógrafos históricos que traballaron en Galicia ata a década de 1970”, salientou Sendón dun creador que concibía a fotografía “como un medio de expresión para abordar temas internos”, na presentación que este martes tivo lugar no Edificio Castelao. O docente e comisario de José Suárez. 1902-1974 salientou nese senso a influencia cinematográfica que se reflicte nas súas imaxes, “debedoras” tamén das vangardas históricas ou da nova obxectividade alemá. Sendón incidiu así mesmo en como esta mostra antolóxica permite observar tamén unha serie de “constantes” e unha “mirada” particular de Suárez, que se manteñen ao longo da súa traxectoria, por exemplo, a través das fotografías que dedicou aos mariñeiros, tanto na década de 1930 como na de 1960, e que se distancian do costumismo, polo "posicionamento claro" que o seu autor fai patente a través das imaxes.

Un percorrido que remata en Pontevedra

Sendón e Suárez Canal, sobriño do fotógrafo, xa exerceran como comisarios de dúas exposicións monográficas sobre José Suárez en 1988 e 1993, que constituíron o punto de partida dun proxecto que tiña como obxecto elaborar un amplo catálogo da obra de Suárez. Ese traballo deu un paso adiante con Uns ollos vivos que pensan, a exposición que en 2014 presentaron na Cidade da Cultura e que posteriormente iniciou un percorrido que a levou ata Arxentina, onde o fotógrafo se exiliara en 1936, París, Tokio ou Montevideo. Unha itinerancia que, como explicou Suárez Canal, “tiña que rematar no Museo de Pontevedra”, por ser esta a única institución de Galicia na que o fotógrafo depositou parte da súa obra, concretamente preto de 150 imaxes de pequeno tamaño. 

Parte delas están presentes na selección que Sendón e Suárez Canal realizaron para unha exposición que percorre a traxectoria vital de José Suárez, recollendo en primeiro termo unha serie de obras da década de 1930, como as que realizou durante a súa etapa en Salamanca ou as da serie Mariñeiros, un traballo “que transcende o marco galego, xa que é difícil atopar un traballo documental desa intensidade”, salientou Sendón. Arxentina, onde Suárez se exiliou tralo golpe de estado de 1936, e Xapón, onde residiu dous anos, tamén cobran protagonismo nesta exposición. Do mesmo xeito, esta mostra antolóxica tamén se detén nas series que o fotógrafo dedicou a La Mancha tralo seu retorno a España en 1956, e que constitúen “unha boa metáfora do que foi o franquismo”, como sinalou Sendón. A mostra complétase cunha serie de proxeccións audiovisuais, que, entre outras cuestións, permiten achegarse ás preto de 70 reportaxes que realizou en diferentes puntos de Europa para o xornal arxentino La Prensa, así como por unha selección de publicacións e de cartas do propio José Suárez.