DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Vicerreitoría acolle unha mostra que rememora as traxectorias de 32 docentes e colectivos

Unha exposición pon en valor as achegas das mulleres á historia da educación

Os paneis foron elaborados por alumnado da USC

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Igualdade
  • Cultura
DUVI Pontevedra 18/02/2021

32 paneis que poñen en valor as achegas e traxectorias de 32 docentes e colectivos de educadoras de diferentes épocas e lugares reúnense en Educación en feminino: un paseo pola historia, a exposición que desde este xoves e ata o 26 de marzo pode visitarse na Vicerreitoría do campus. A mostra, inaugurada nesta xornada polo vicerreitor do campus, Jorge Soto, e a directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, reúne unha serie de paneis realizados polo alumnado da Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela, no marco da súa formación na materia Teoría e Historia da Educación Escolar.

Hipatia de Alexandría, Ellen Key, as irmáns Agazzi, Emma Goldman, Marta Mata ou Josefina Aldecoa, así como as galegas Juana de Vega, Concepción Arenal, Antía Cal ou Camino Pereiro, son algunhas das figuras ás que busca dar visibilidade esta exposición, que previamente se exhibiu no campus de Ourense e que está previsto que se traslade posteriormente ao vigués. “É unha auténtica ledicia ter aquí esta exposición, que axuda a visualizar unha parte importantísima da historia da educación e do que hoxe somos como sistema educativo”, salientou Soto, que lembrou que o obxectivo da mostra é pór en valor “o traballo, moitas veces absolutamente escondido” de educadoras de diferentes épocas, á vez que permitirá tamén lembrar "os atrancos que moitas delas tiveron en diferentes etapas das súas vidas" polo simple feito de ser mulleres e "pese aos que saíron adiante e mesmo sobresaíron”.

Referentes dentro e fóra das aulas

Cada un dos paneis que se reúnen na sala de exposicións de Vicerreitoría, que conta cun aforo reducido de cinco persoas, recolle diferentes aspectos das biografías e do exercicio profesional dunha serie de educadoras e colectivos que “impulsaron novas propostas pedagóxicas, metodoloxías, recursos...”, e que levaron a cabo “iniciativas pioneiras que supuxeron unha renovación do sistema escolar que acabaría tamén por trasladarse ao conxunto da sociedade”, salientou Agrelo. A mostra constitúe a terceira edición dunha iniciativa impulsada pola Facultade de Formación do Profesorado na que, segundo explican desde a organización, “cada grupo de estudantes da materia elixiu unha educadora relevante, do pasado ou do presente” sobre a que prepararon e realizaron unha presentación na aula, acompañada do seu respectivo póster. Neles hai lugar para figuras de diferentes ámbitos e épocas, mais préstase tamén, sinalan as súas impulsoras, especial atención á Galicia é á etapa contemporánea, pondo en valor, xunto a figuras como María Montessori ou María Wonenburger, o labor das orientadoras de Preescolar na casa ou das mestras da montaña lucense.

“É unha exposición realmente singular, especialmente porque o seu artífice é o alumnado de Educación Primaria e Educación Infantil, que atopa nestas mulleres un estímulo e un faro para proxectar o seu futuro labor docente”, engadiu Agrelo, que destacou o positivo do “diálogo interuniversitario” do que xorde a itinerancia desta proposta polos campus da institución viguesa. Do mesmo xeito, Agrelo incidiu tamén na necesidade de “iluminar todo o labor feito por estas mulleres, tanto no ámbito educativo como no social”, máxime tendo en conta que "moitas das liñas que abriron”, como “que o alumnado sexa o centro de todo o proceso educativo ou a igualdade entre mulleres e homes”, seguen a ser a día de hoxe, subliñou, “unha conquista a alcanzar”. 

Reactivar a programación cultural

A entrada en vigor das novas medidas decretadas pola Xunta de Galicia no marco das restricións ás que obriga a covid-19 permitiron a apertura desta exposición, así como o impulso doutras actividades como a proxección, o vindeiro luns 22 ,de Advocate, no marco do ciclo Docs del Mes, inicialmente prevista para esta semana. Cun aforo limitado a 15 persoas, a exhibición presencial completarase coa posibilidade de visualizar este documental a través da rede, que a Vicerreitoría pon a disposición de 200 persoas, nos 15 días seguintes á súa exhibición, a través do correo docspon@uvigo.es. Nese senso, a nova directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus sinalou que o obxectivo é tratar progresivamente de “ir reactivando a programación cultural”. Con esa idea, mantivo nos últimos días “unha xuntanza virtual con representantes das delegacións de estudantado”, ao que suma a súa vontade de “estreitar os vínculos coas diferentes facultades e coñecer as súas demandas e necesidades”, co propósito de articular unha programación que contribúa tamén a “dinamizar o campus, desde o punto de vista cultural e educativo” e que á súa vez teña tamén “un reflexo na cidade”.