DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Está ubicada no cuarto andar da Facultade de Ciencias da Educación

Unha exposición rende homenaxe á pioneira do traballo social Mary E. Richmond

É a única parada en Galicia dunha mostra itinerante

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Divulgación
  • Académica
DUVI Ourense 22/11/2018

A Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acolle desde esta semana a mostra Mary Richmond: construír teoría desde a práctica, que fai un percorrido pola vida e traxectoria de Mary E. Richmond (1861-1928), considerada unha das pioneiras do traballo social con motivo do centenario da publicación do seu libro máis coñecido e referente no seu eido Social Diagnosis.

Mary Richmond: construír teoría desde a práctica é unha exposición itinerante promovida polo Consejo General del Trabajo Social que chega a Ourense na súa única parada en Galicia coa colaboración do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e a Facultade de Ciencias da Educación. Con esta mostra, a entidade promotora pretende achegar a figura desta pioneira tanto ás e aos profesionais do traballo social como ao alumnado do Grao de Traballo Social, titulación que se imparte no campus de Ourense. Para dar a coñecer a esta pioneira, a apertura esta semana da exposición contou tamén cun coloquio sobre a súa traxectoria a cargo do profesor Xoán Lombardero e da presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia Miriam Rodríguez.

A mostra confórmase por oito paneis e un arco de entrada e nela as persoas interesadas poden achegarse á traxectoria de Mary Richmond e a súa relevancia no eido do traballo social. Nela destácase como no ano 1917 publicou a súa obra clásica Social Diagnosis, que lle permitiu ser considerada a creadora do traballo social de casos. Nesta publicación, Richmond establece a importancia da relación entre a persoa que asiste e o asistido, a compresión das características persoais do asistido, e relaciona os problemas sociais co contexto. É dicir, “establece unha metodoloxía de intervención nos problemas sociais tendo en conta o contexto e centrándose nos casos, sexan individuais ou familiares”, comentan os promotores da mostra no campus. Mary Richmond, indícase na exposición, revolucionou a forma que había ata ese momento de axudar á xente máis necesitada, convertendo esa axuda nunha profesión e desenvolvendo unha metodoloxía.