DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Pode verse nestes días na Escola de Enxeñaría Forestal

Unha exposición reúne no campus preto de 40 especies de fungos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Medio Ambiente
  • Cultura
DUVI Pontevedra 10/11/2021

Que tanto a comunidade universitaria como calquera persoa interesada poida coñecer “o que medra nos nosos bosques, prados, cunetas, troncos...”, constitúe, como sinala a profesora da Escola de Enxeñaría Forestal Eugenia López de Silanes, o obxectivo principal da exposición de fungos que nestes días pode verse no primeiro andar do centro. Esta mostra reúne preto de 40 especies, entre as que se atopan cogomelos comestibles como o Cantharellus cibarius, o Lactarius deliciosus e o Hydnum repandum, xunto con fungos que medran sobre madeira, como o Sparassis crispa, igualmente comestible. Tamén se poden observar especies con cheiros característicos, como o Tricholoma sulphureum, o Armillaria citrina ou o Inosperma calamistratum, así como exemplares de diferentes formas, desde o “típico cogomelo dos contos”, a Amanita muscaria, ata outros que recordan a corais (Ramaria stricta) ou a estrelas (Scleroderma citrinum).

Todas as especies presentes na mostra, que se pode visitar ata a tarde deste xoves, preséntanse xunto cos seus nomes científicos. A exposición, como lembra López de Silanes, foi organizada desde a Área de Produción Vexetal coa participación do alumnado da materia Patoloxía e Pragas Forestais, contando tamén coa colaboración da escola e da Vicerreitoría do campus.