DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras o seu paso por Barcelona e Madrid, a mostra ForestED pode verse na EE Forestal

Unha exposición reúne un conxunto de prototipos experimentais que conectan os bosques cunha “construción sostible”

Resultado dun proxecto de investigación sobre as aplicacións da madeira de frondosas

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Feiras e exposicións
  • Investigación
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 10/12/2025

Tras o seu paso por Madrid e Barcelona, a Escola de Enxeñaría Forestal convértese na terceira sede da exposición ForestED-Bo bosque á edificación, que reúne un conxunto de prototipos experimentais, resultado dun proxecto de investigación dirixido a atopar novas aplicacións á madeira de frondosas nos ámbitos da arquitectura e a construción. Promovido polo Instituto de Arquitectura Avanzada de Cataluña (IAAC), o Centro de Ciencia e Tecnoloxía Forestal de Catalunya (CTFC), a Asociación Forestal de Galicia (AFG) e o Consorci Forestal de Catalunya (CFC), o proxecto ForestED centrouse en coñecer “como diversas especies de madeira locais, habitualmente fóra dos circuítos industriais da construción, poden adquirir novos usos estruturais e arquitectónicos a través da análise científica, a innovación tecnolóxica e o deseño”, sinalan os seus responsables. Nomeadamente, traballaron con tres especies presentes nos montes de Galicia e outras tres en Cataluña, coas que deron forma a unha mostra que “representa unha oportunidade para fortalecer os vínculos entre os recursos forestais e o sector da construción sostible”, como sinalou a directora da EE Forestal, Ángeles Cancela.

Ata o 21 de decembro poderá visitarse neste centro unha exposición na que diferentes prototipos a escala real preséntanse xunto con infografías, material audiovisual e troncos das especies arbóreas empregadas. Concretamente, os responsables deste proxecto financiado pola Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, traballaron con madeira de carballo, bidueiro e castiñeiro de Galicia e con faia, castiñeiro e piñeiro carrasco de Cataluña.

Conectar os bosques co sector da edificación

Complementada por unha xornada científico-técnica, a EE Forestal acollía este martes a inauguración dunha exposición que completa en Pontevedra o percorrido que iniciou no Muhba Oliva Artès de Barcelona e continuou na Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid. De aí que Cancela sinalase o orgullo de que unha cidade como Pontevedra, "de marcada tradición no ámbito forestal", poida ser sede dunha exposición que "convídanos a mirar con novos ollos a relación entre os bosques destes e a maneira na que construímos a nosa contorna”, xerando “solucións construtivas avanzadas” a partir dunha serie de “especies forestais clave con potencial de aproveitamento”.

Codirector deste proxecto e fundador do IAAC, Vicente Guallart destacou a importancia de que esta iniciativa contribúa a un “diálogo insólito entre enxeñeiros forestais e arquitectos, que durante séculos falamos moi pouco”, dada a importancia desta colaboración para poder facer fronte a “retos” como o cambio climático e a “descarbonización da construción”. Este acto inaugural contou tamén coa intervención do presidente da AFG, Antonio Rigueiro, quen salientou a importancia de iniciativas que contribúan a revalorizar a madeira de frondosas, unhas árbores que ocupan en Galicia preto de 600.000 hectáreas, segundo as estimacións realizadas polos investigadores da EE Forestal para o Inventario Forestal Continuo de Galicia.

Do bosque á edificación

Como explican os seus promotores, a exposición “percorre todo o proceso” desenvolvido no proxecto “desde a caracterización dos bosques e o procesamento da madeira, ata a fabricación de prototipos e os resultados experimentais obtidos”. A mostra arranca nese senso na planta baixa da escola amosando os resultados da “análise que fixemos dos bosques, co obxectivo de ver como podemos darlle valor esas especies”, explicou Guallart, o que abrangue tanto troncos destas seis frondosas como imaxes dun escáner tridimensional dos bosques dos que proceden. A continuación preséntanse tamén unha serie de paneis de CLT realizados con estas especies, co obxectivo “de ver o comportamento de especies que tradicionalmente non se usan desta maneira”. 

Finalmente, a mostra recolle dez prototipos desenvolvidos con estas madeiras, entre os que se atopan propostas como un flexbrick, “un sistema construtivo flexible de revestimento que permite a creación de fachadas, cubertas e pérgolas a partir de ladrillos conectados por unha malla de aceiro inoxidable”, realizado con castiñeiros. Tamén poden verse un banco feito con piñeiro, unha chaise longue fabricada con madeira de faia ou unha “estrutura arbórea composta por nodos producidos mediante fabricación dixital e robótica” realizada con castiñeiro, carballo e piñeiro. Outras das propostas son un panel curvo feito de carballo, un pavimento realizado tamén con esta madeira, empregando a robótica para unir as diferentes pezas, ou a maqueta dunha "malla espacial". A exposición vese complementada á súa vez, explicou Guallart, por “sete pequenos documentais”, realizados no marco do proxecto de investigación. 

Xornada científico-técnica

Os resultados deste proxecto de investigación foron así mesmo abordados na primeira mesa da xornada científico-técnica, que contou coas intervencións de Guallart; Riguero; Joan Rovira, secretario xeral do CFC, e Pilar Giraldo, investigadora do CTFC. A continuación, tivo lugar un debate sobre a posibilidades das frondosas dos montes galegos, moderado polo director xeral de Planificación e Oerdenación Forestal da Xunta de Galicia, José Luis Chan. Nel interviron Juan Picos, subdirector da EE Forestal; Francisco Dans e Braulino Molina, asesor e director de investigación da AFG; Manuel Guaita, profesor da USC, e Vanessa Baño, de Innovawood. O encontro pechouse cun coloquio sobre a incorporación das frondosas na arquitectura, no que participaron Alfredo Fernández, director da Axencia Galega da Industria Forestal da Xunta de Galicia (Xera), Miguel Abelleira; director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, e os arquitectos María Sánchez e Juanjo Otero.