DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Casa das Campás acolle desde este xoves a exposición ‘La existencia de Acetes’

Unha exposición reúne obras de artistas españois e italianos en torno ás Metamorfoses de Ovidio

Comisariada polo italiano Stefano Spairani

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/06/2018

Un dos mitos recollidos polo poeta Ovidio na súa obra Metamorfoses relata como o deus Baco foi secuestrado por un grupo de piratas que non o recoñeceron e como este deus como castigo os transforma en golfiños, coa excepción de Acetes, que si se decatara de quen era e tentara disuadir aos seus compañeiros. Este é o fío condutor de La existencia de Acetes, a exposición comisariada polo italiano Stefano Spairani Righi que ata o 30 de xuño pode visitarse na Casa das Campás e que reúne obras de sete artistas españois e italianos, “que non conteñen na súa orixe creativa unha matriz mitolóxica ou clásica, pero que a través da súa carga visual convértense nun novo imaxinario dentro do mito examinado”.

“As obras non teñen un enlace coa mitoloxía nin coa metamorfose, pero conxuntamente poden falar tamén disto e isto á súa vez é outra metamorfose”, salienta Spairani Righi da exposición que este mediodía presentou xunto ao profesor da Facultade de Belas Artes Manuel Dimas e ao director da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Manuel Morquecho. Promovida por Dimas no marco dunha colaboración con artistas de Milán e Madrid que dará pé tamén a mostras colectivas nestas dúas cidades, La existencia de Acetes reúne as creación de “estudantes que están completando a súa formación” xunto con artistas profesionais, explica Dimas. Entre eles, atópase de feito o alumno da Facultade de Belas Artes Juan Fontaíña, ao que se suman os artistas asentados en Madrid África Ruiz, Jaime Royo e Karent Justiniano e as achegas dos creadores milaneses Giorgio Cellini, Umberto Chiodi e Tania Fiaccadori.

Unha exposición que bebe tamén dos mitos da Casa das Campás

La existencia de Acetes emprega como punto de partida un mito que serve tamén como enlace co propio espazo expositivo, a Casa das Campás, onde no seu día residiu o pirata Benito Soto, “que di a lenda que escondeu aquí o seu tesouro”, así como ao vínculo que co mar mantén a cidade de Pontevedra, relata o seu comisario. A exposición “nace da vontade de facer dialogar o imaxinario vinculado a un lugar, a un elemento natural e a historia”, engade Spairani dun proxecto que propón unha relectura de obras xa existentes co propósito de pór en relación a arte contemporánea coa mitoloxía clásica, pero tamén “facer tanxible ese mito”, que serve á súa vez “como pretexto para falar de conceptos máis amplos como a metamorfose a fe e a ruptura que trae unha transformación”. 

Obras que tamén sufrirán metamorfoses

Falar de como “un cambio material trae tamén consigo un cambio conceptual” é nese senso un dos propósitos dunha exposición que reúne obras que sufrirán as súas propias metamorfoses, como é o caso da proposta de Fiaccadori, un vaso “no que vaise crear vida dentro”, xa que ten no seu interior unha serie de larvas de artemia, ou da escultura de Jaime Royo, “que cada día mudará a súa cabeza”. A metamorfose producida neste caso por axentes externos como a humidade está presente así mesmo, como relata o comisario desta exposición, na obra de Fontaíña, que presenta “ás portas dunha casa que estaba a carón do mar e que foi derruída”, así como na escultura marmórea de Justiniano, “onde se intúe a representación dunha crisálida, contedor dunha evolución cuxo prazo leva á súa destrución”.

A rotura, entendida como “un xeito de reconstruír empezando por puntos de partida diferente”, é tamén o eixo da obra de África Ruiz, unha instalación en vídeo na que se amosa como pratos rotos nunha performance poden dar lugar a novas formas. Unha peza en tea de Umberto Chiodi que remite “a conceptos oníricos e formas que se van modificando co pensamento”, xunto cunha obra escultórica de Cellini, “que fala do baleiro, pero que a primeira vista pareceume algo que vén das profundidades do mar”, completan a exposición que na tarde deste xoves celebra a súa inauguración.