DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Resultado dos talleres impartidos neste centro por tres alumnas de Belas Artes

Unha exposición reúne os achegamentos á arte de 176 escolares do CEIP A Xunqueira I 

‘Como o ves?’ pode visitarse ata o 24 de xaneiro na Casa das Campás

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/01/2025

“Achegar os nenos e nenas ás diferentes maneiras de facer arte”. Ese era, como explica estudante Xulia Arias, o obxectivo dos talleres que impartiu xunto coas tamén alumnas da Facultade de Belas Artes Cristina Rus e Irene Santamaría no CEIP A Xunqueira I e que deron como resultado os 176 debuxos que desde este venres poden verse na exposición Como o ves?. Ata o 24 de xaneiro poderá visitarse na sala de exposicións da Vicerreitoría do campus unha mostra que presenta as creacións dos nenos e nenas xunto coas obras que estas tres estudantes empregaron como punto de partida para os talleres. Trátase, concretamente, dunha pintura figurativa de Arias, unha obra abstracta con de Santamaría e unha peza que Rus realizou con papeis e carteis reciclados. Deste xeito, apunta a promotora deste proxecto, os talleres buscaban amosar a nenos e nenas que “existen diferentes técnicas e estilos de facer arte”, propoñéndolles que escollesen unha das obras para tratar de reproducila ou interpretala.

O proxecto que Arias desenvolveu como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional complétase agora cunha exposición que celebra a súa inauguración este venres ás 19.00 horas e que poderá visitarse ata o 24 de xaneiro. En colaboración coa ANPA Celso Emilio Ferreiro, esta iniciativa verase complementada cun concurso no que se premiarán os mellores traballos tanto do alumnado de educación infantil como de cada un dos tres ciclos de primaria.